Tempo de transición e (acaso) de oportunidades


Con poucos meses de diferenza, veñen de desaparecer dúas figuras políticas de primeiro nivel (Manuel Fraga, Santiago Carrillo) que dende posicións ben arredadas e biografías moi distintas, representan iso que nos manuais de historia denominamos a transición, e que se materializa na Constitución española de 1978 e nos estatutos de autonomía.

Ben sei que alguén dirá que ese ciclo da historia está cerrado. Política e xeracionalmente. Nin os actores poden volver ser os mesmos nin os tempos son aqueles. Tampouco a realidade española. Nin a galega. Houbo pasos de xigante cara a homologación cos modelos occidentais (¡que lonxe estaba Europa!) e houbo oportunidades que non se aproveitaron. Deberíamos facer autocrítica de por que non se aproveitaron.

Hai poucos días, un grupo de amigos e autoridades lembraron na vila da Estrada a Manuel Raimóndez Portela (1916-1994), co gallo do Premio de Xornalismo que dende hai 17 anos leva o seu nome. Pedíronme que falase do premio e máis de Raimóndez Portela, a quen non coñecín persoalmente, mais lembrei o seu libro O Estatuto dos 16 (Galaxia, 1979). Daquela traballaba eu na infantería do xornalismo e os responsables da editora encargáranme que me ocupase da preparación do texto.

O Estatuto dos 16, promovido polo presidente Antonio Rosón dende a preautonomía, foi o primeiro intento de procurar un documento básico entre as forzas políticas galegas a prol do Estatuto de Autonomía, que se había de plebiscitar non sen dificultades en xaneiro de 1981. Tratábase de buscar unha formula integradora, asumible dende posicións nalgúns casos ben distantes, coa que argumentar as nosas razóns e reivindicacións no debate que daquela cumpría (coa Constitución española recén aprobada). O médico humanista Raimóndez Portela encargouse de concitar vontades, e alí estaban, sentados arredor da mesma mesa, a UCD (forza maioritaria), o PSOE, Alianza Popular, o Partido Comunista, o Partido Galeguista, o Partido do Traballo e o Partido Obreiro Galego (xermolo do que máis adiante sería Esquerda Galega). Rexeitaron participar na comisión o PSG, a UPG e máis o MCG, comprometidos entón coa proposta das Bases Constitucionais.

Non se trata de entrarmos no articulado do texto. O documento procuraba fundamentalmente as máximas cotas de autogoberno para Galicia no marco que permitía a Constitución recén aprobada, alicerzado na condición de «nacionalidade histórica» que, coa lexitimación republicana, reivindicaban tamén vascos e cataláns. Era a ocasión. E a necesidade. Correu moita auga pola canle do muíño dende entón, viñeron voltas e reviravoltas, pactos e trasacordos, intentos de rebaixas, utilizando case sempre os galegos coma tapón para os que puidesen vir detrás. As mobilizacións de Nadal de 1977 en gran medida respondían tamén a aquel espírito: unidade de esforzos, vontades e intelixencias a prol dunha causa común, que a todos nos afecta. Non son os mesmos tempos. Pero tampouco está de máis botar algunha ollada ao pasado máis próximo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos

Tempo de transición e (acaso) de oportunidades