Independentismo e quebra política

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

17 sep 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

E ra visto que ía ocorrer. A frivolidade do Goberno e do seu presidente, a súa actitude simplificadora de sempre, o non ver a realidade, ou o querer descoñecela, vendo «algarabías» onde hai un problema que se resolveu mal e vai seguir sen resolverse, sementaron o terreo para a explosión de independencia que foi a Diada.

Non é difícil prognosticar que as reivindicacións van ir a máis. Os datos son reveladores: en poucos anos -en realidade, nos que van dende o 2001 ao día de hoxe-, as posicións independentistas van gañando terreo. Así, no 2001 un 36 % dos cidadáns cataláns eran partidarios da independencia; e na última sondaxe eran o 51 %. Todo un éxito da torpe política española.

Pero se a esa torpeza sumamos a dos trasnoitados criterios seguidos polo Tribunal Constitucional, tendentes a negar toda posibilidade dunha saída federal, especialmente referíndose a soberanías ben resesas, o esperado non podía ser máis que o que foi: unha actitude de alporizamento colectivo, en nada semellante a unha «algarabía». Federalismo non, ergo independencia.

O problema é sempre o mesmo: este é un país inseguro, un país cheo de medos (ao federalismo, ás nacións que non sexan a oficial, á complexidade, ás minorías), un país que, diante desas carencias, vese na obriga de recorrer ao autoritarismo. Pero esta actitude pode valer nunha ditadura, nunca nunha democracia.

O que, ao mesmo tempo, quere dicir que o problema vén orixinado por unha manifesta incapacidade para facer política democrática. Pois nela páganse sempre as frivolidades, as actitudes simplificadoras, as faltas de respecto ás minorías e as suficiencias frívolas que as maiorías absolutas acostuman crear nos políticos sen finezza nin capacidade para organizar a realidade. Así de claro.