R ecentemente La Voz publicaba unha entrevista con Domingo Rodríguez, guardés que percorre Washington nun coche con matrícula notoria: CELTA. Domingo é responsable do Georgetown Bank washingtoniano, e ten unha longa carreira bancaria para a que se formou en Puerto Rico. Da Guarda saíra para San Juan con catorce anos, alá estudou e logo deu o salto aos EE.?U. como tantos portorriqueños.
Un século antes, e tamén con catorce anos, Manuel Álvarez Vicente saía da Guarda cara a San Juan. A súa carreira na illa foi fulgurante. Era millonario antes dos trinta anos, retornou e converteuse nun benefactor da Guarda e das terras circundantes, mesmo na outra banda do río. Distinguiuse como home de negocios, prestamista para proxectos industrias (hoxe, «business angel»), escritor e político progresista cun claro concepto de país. Apoiou a ditadura rexeneracionista de Primo de Rivera e tamén o galeguismo. Morreu cando se preparaba o plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía, do que era partidario. En resumo, foi «un indiano a loitar pola súa terra» como salienta Joaquim Pinto da Silva, editor dos seus escritos.
Esta referencia aos que naceron ao pé do Santa Tegra e se formaron en Puerto Rico fai lembrar a peculiaridade da emigración galega a esa illa, pouco coñecida. Hoxe hai alá galegos que dan brillo á terra de orixe, e que coñecen ben como penetrar nos negocios caribeños e norteamericanos. Nun momento de procura de internacionalización coma o que vivimos, oílos en consello sería un acerto.