Carbón, negro futuro

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

13 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Don Manuel Molares Porto é un home poliédrico e lonxevo. O traballo nos ferrocarrís ensinoulle o que custaba o carbón mineral, a súa amizade con carboeiros ensinoulle o valor do carbón de toxo. Cando chegou o butano pasou aviso: unha bombona facía o mesmo servizo que un carro de leña acarboada. Leña, carbón de leña e carbón mineral teñen un longo percorrido parello durante a Historia. Serviron para quentar lares e fundir metais ata que se puxeron ao servizo do vapor. A revolución industrial provocou unha grande avidez polo carbón mineral. Ollando o mapa do mundo logo se ve unha relación de avances técnico-científicos, económicos e sociais coa proximidade ás minas de carbón. España non tivo sorte nos repartos da Mai Natura: aquí o carbón sempre foi malo de apañar.

En Galicia a sorte foi aínda peor porque nin sequera se dá o carbón de calidade. A cheminea da central eléctrica das Pontes colleu sona no mundo pola peste que botaba ata alturas enormes. Segundo o lignito da conca eumesa se ía acabando houbo un respiro, porque podía vir carbón barato e menos contaminante de distintas concas do mundo. Ninguén pensaba no carbón que se obtén en León e Asturias.

Nos EE.?UU. hai carbón para centos de anos, gas natural para outros tantos e diñeiro para investigar continuamente en solucións enerxéticas cada día menos contaminantes. Por iso alí van desaparecendo as centrais eléctricas de carbón. Sobra carbón e o lobby carboeiro fai presión en Washington; mais este verán está a ser abafante na capital federal e por ela circula a idea de que o quentamento global é iso, «global». Por tanto cómpre loitar contra o carbón no Globo, comezando por non extraer nin vender o que sobra.

Don Manuel Molares anda preocupado por España. Di que aquí todos queremos vivir «polas almiñas», como os mendigos. Desde hai décadas minas e mineiros viven da esmola, da subvención estatal nun mundo onde impera o comercio libre; e cómpre preguntarse en Galicia por que non poden vivir así tamén armadores e mariñeiros que van sendo expulsados dos caladoiros exteriores. Dura é a negrura da mina, mais non é mol a vida no alto mar. Compárense nóminas, mortes en accidente e emigracións... Se cadra os que viven da mina deberían aceptar a realidade e, por dignidade, mirando para outros obreiros, renunciar á súa negra quimera. Repasando a historia, tería sido máis axeitado usar a subvención do Estado á minería para ensinar novos oficios, crear empresas e investigar métodos de produción de enerxía. Por exemplo, o bo facer mineiro podería empregarse na enerxía xeotérmica.