A «clase» política

Pedro Puy, portavoz parlamentario del PPdeG FIRMA INVITADA

OPINIÓN

16 jul 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Poucos expresaron coa brillantez do sociólogo Jesús Ibáñez a esencia do clásico problema da existencia, ou non, de obxectividade nas ciencias sociais: «Los científicos naturales se enfrentan con algo no hablante, pero los científicos humanos y sociales se enfrentan con algo hablante, y así su habla es un habla que habla de un habla». Hoxe sabemos que ao igual que nas ciencias naturais os valores e intereses persoais dos científicos condicionan o seu traballo (por exemplo, en función do financiamento dispoñible para a investigación), nas ciencias sociais tamén é posible acadar un certo grao de obxectividade analítica. Tal arela é a que procuran as liñas que seguen, conscientes todos de que quen isto escribe fala de quen fala e que, por elo, poden facilmente ser tomadas por un blablá interesado máis.

E así, cando o CIS, como fai no seu último barómetro de xuño, afirma que ao preguntarlle aos españois cales son os tres principais problemas do país estes resultan ser o paro (77,8 %), os de índole económica (46,3 %), e a clase e os partidos políticos (24,3 %), dito dato pode considerarse como un feito obxectivo. Tan obxectivo, por certo, como cando no mesmo estudo científico se conclúe que se o que se trata de averiguar é cal é o principal problema que cada un ten, o paro segue sendo o primeiro (nun 37,3 % dos casos); os de índole económica o segundo (nun 20,5 %), e a clase e os partidos políticos descenden (cun 3,3 %) ao cuarto lugar, superados polas pensións (cun 3,4 %). Outro bon exemplo da capacidade de obxectivar a análise dos procesos sociais o constitúen os estudos existentes sobre o funcionamento do mercado laboral da política, nos que se trata de identificar os factores que inflúen na selección e na decisión individual de participar en política.

Desde esta perspectiva, quen temporal ou profesionalmente decide adicarse á política o fai respondendo a unha serie de incentivos que, de forma similar a calquera outra ocupación profesional, determinan ao final que tipo de persoas conforman o que, de forma xeralizada e ás veces simplista en exceso, se coñece como clase política. Porque ao final a clase política, ao igual que a clase médica, a empresarial ou o corpo de avogados do Estado, non é máis que o resultado dun equilibrio entre a oferta de quen se ofrece para desempeñar un posto político e a demanda dos perfís profesionais solicitados para ocupar ditos postos.

Desde o perspectiva da demanda, a enquisa do CIS revela unha insatisfacción (que, pese aos matices sinalados, hoxe en día está ben xustificada) da poboación con boa parte da súa clase política, e a forma na que se seleccionan os cadros dirixentes polos partidos. Un conxunto de persoas que se ocupan do público (desde a perspectiva da oferta) condicionados por incentivos entre os que se contan beneficios como as rendas obtidas, en comparación cun traballo alternativo; a posibilidade de obter ingresos privados adicionais no futuro (pénsese no destino de moitos exministros); a vocación de servizo público (o que os psicólogos denominan «motivacións intrínsecas»); e as cuestións de prestixio e recoñecemento social. E tamén por custos como os de oportunidade (a profesión alternativa que se podería desempeñar); e outros de tipo directo, como os relacionados co uso do tempo libre (ben particularmente escaso no ámbito político), e indirecto, como a permanente exposición pública.

Chegados a este punto, a ninguén se lle escapará que nos últimos tempos os beneficios de adicarse ao que no pasado se consideraba unha grande honra social (velar polo ben común) teñen diminuído notablemente, mesmo en proporción aínda menor da que os custos se teñen incrementado. Co novo marco de incentivos que se está a xerar, e salvo fortes motivacións intrínsecas (o tamén xa algo vetusto senso do deber), poderíamos, como sociedade, chegar ao resultado paradoxal de substituír á actual clase política por outra aínda máis insatisfactoria, conformada por persoas sen outra opción laboral e apenas formación, inclinadas a complementar as súas rendas de xeito ilegal, ou afectados desa nova e peculiar patoloxía que se veu denominar papirofilia (afán desmedido por saír nos medios de comunicación). Non outra cousa, ao fin e ao cabo, son os populismos e os totalitarismos dinásticos que teñen asolagado tantos países en todos os hemisferios do planeta ao longo da historia máis recente. Por elo compre, mesmo urxe, reflexionar sobre os incentivos que a sociedade está a xerar á hora de configurar a nosa clase política.