Couto Mixto, unha terra con dous acentos

Luis Manuel García Mañá TRIBUNA

OPINIÓN

29 jun 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A s notas musicais interpretadas por Carlos Núñez, a palabra vibrante do profesor Xosé Antonio Gómez Segade e os protocolos fraternais da eurocidade Verín-Chaves camparán, por unhas horas, sobre o espazo histórico do Couto Mixto.

A fermosa e esquecida igrexa de Santiago dos Mixtos acollerá o acto que todos os anos organiza a Asociación de Amigos do Couto Mixto para entregar os atributos que acreditan como xuíces honorarios a sobranceiros personaxes e institucións que teñen salientado nos valores do encontro luso-galaico, dúas terras irmás, ou dunha só con dous acentos distintos.

Ese día, sobre as laxas de pedra que cobren a cinza dos devanceiros, na parroquial de Santiago dos Mixtos, asistiremos emocionados, galegos e portugueses, a un acto de grande simboloxía histórica para aquela república esquecida.

E de seguro que os doces sons da frauta do músico máis universal da nosa terra, Carlos Núñez, encherán os agochados recantos da antiga igrexa, mesmo da sancristía onde se acubilla a arca das tres chaves, gardiá dos vellos privilexios e seculares concordias que lle outorgaron noutrora un estatus singular a aquel cacho de terra galego-lusitana.

E o verbo erudito e frondoso do profesor Gómez Segade, como as propias serras raianas, agasallaranos con precisas evocacións, formadoras de ideas ilustradas e sabias, transportándonos aos presentes no recinto sacro a un estado de comuñón transfronteiriza.

E non será menos paradigmático que dúas cidades, que algún día foron rivais, se presenten collidas da man coa finalidade de formaren a eurocidade Chaves-Verín, símbolo do que as fronteiras nunca deberon afastar.

Esa é a razón final, o espírito que dá significado actualmente ás aldeas de Meaus, Rubiás e Santiago dos Mixtos, que recuperan a súa memoria histórica deste xeito, cunha liturxia que distingue a quen mira máis aló dunha raia separadora, recoñecendo a orixe dun pobo que loita por non esmorecer, rebelándose contra este destino.

O abandono actual do Couto Mixto é unha realidade; a despoboación e o desinterese unha evidencia. Mais, o que simboliza é algo inmorrente e permanecerá alén nós. Así seguen a ter sentido aquelas palabras que escribiu Carlos Casares nun artigo sobre este lugar, publicado en La Voz de Galicia, o 7 de xuño de 1998: «Non se trata de reivindicar nada, a non ser a memoria, pero eu non puiden evitar que me asaltase a melancolía. Vin ese mesmo sentimento nos ollos dunha velliña fermosa, de ollos azuis, que nos miraba con orgullo. Creo que a fixemos feliz. Non foi pouco».

Este ano, ás 12 horas do día 30 de xuño, naquel lugar de terras montesías, das serras de Pena e do Larouco que amainan na chaira do val do río Salas, a música, a palabra e o ritual da tribo galego-portuguesa, xermolará para dar paso ás emocións, lembrando un pasado onde as xentes teimaban por viviren en comunidade, sen cores, sen ideoloxías nin desacougos, só coa conciencia de pertenza ao Couto Mixto, unha república esquecida que nos convida a gozarmos da súa nostálxica festa.