Bloque Regresista Galego

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

05 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

X untanza mediática e telemática na Cidade da Cultura. Nela debería ter estado Fernando Pardo, o enxeñeiro construtor da RG e da TVG. Fernando, curmán do Juan (a quen ensinou a tocar a guitarra), dicía que en Galicia había darwinismo á contraria: os mellores non sobrevivían. Marchaban. Na xuntanza deste día, arredor de Mar Pereira (a muller que maiores poderes concentra en Galicia para provocar cambios no eido das tecnoloxías da información e a comunicación, TIC), un interveniente atrevérase a dicir que, dadas as circunstancias políticas de Galicia, cumpría crear un novo partido. A funcionaria en posto político e os espectadores ficaron expectantes. A proposta foi o Partido Regresista Telemático Galego: o país precisa que regrese a constelación de colegas que brillan no universo das TIC. Que volvan. Mar Pereira estivo de acordo (e, con seguridade, vaino trata co seu mentor, Núnez Feixó).

A iniciativa regresista non se debe reducir ao gremio exquisito das ondas e os bits. O regreso dos galegos formados aquí e curtidos na emigración é o si ou o non. A calidade de vida en Galicia supera as expectativas da de calquera país; mais «beleza não se come», como din os brasileiros. Do Hórreo debería saír a solución definitiva, un Bloque Regresista Galego suprapartidario, cun lema indiscutible: «Regresar ou morrer».