Nacionalismo galego: ¿desfeita ou oportunidade?

Justo Beramendi FIRMA INVITADA

OPINIÓN

01 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Rematou un ciclo de trinta anos no nacionalismo galego, o máis longo da súa historia. A ruptura do BNG en varias partes desiguais é de entrada unha mala noticia para todos, pero en absoluto sorprendente. As tensións divisivas internas viñan acumulándose dende hai anos sen que os causantes fixesen nada por reverter o proceso. Mais ben o contrario. E agora xa non ten remedio nin serve para moito entrar nunha guerra de acusacións cruzadas sobre responsabilidades, agás, claro está, para procurar o engorde deste ou aquel anaco resultante. Pero si serviría analizar as causas da penosa situación actual, práctica que desgraciadamente provoca unha aguda alerxia en boa parte dos protagonistas. En todo caso, nós non temos aquí espazo para intentalo cun mínimo de rigor, así que, no canto de ollar ao pasado, imos interrogar o futuro.

¿Está condenado o nacionalismo galego a ficar na desfeita de hoxe, nunha dinámica contractiva que o reduza durante moito tempo ao rol de actor de reparto no escenario político? ¿Ou será quen de converter a súa crise en oportunidade positiva para renovarse e acabar con máis vigor social e político do que tiña? That?s the question. Quen apostan pola primeira posibilidade aducen, e con razón, non só a traxectoria declinante da última década, senón tamén o feito de que a sociedade adoita castigar electoralmente as divisións e as liortas de familia. Factores aos que compre engadir a probada rixidez do que segue a ser o partido máis influínte do conxunto e máis unha anomalía estrutural da que se fala pouco pero que pode ser decisiva para o que nos ocupa. Todo nacionalismo algo desenvolvido é transversal respecto das principais ideoloxías, polo que o grao de ocupación efectiva do seu espazo sociopolítico posible depende, entre outros, de dous factores interrelacionados: a) a adecuación da oferta dos seus partidos á natureza dese espazo e b) a competencia dentro da mesma sociedade con partidos ideoloxicamente similares pero encadrados nun nacionalismo diferente.

No caso galego, a situación anterior á ruptura do BNG amosaba xa algunhas peculiaridades notorias: o sector centrodereita do electorado potencialmente galeguista estaba ocupado case totalmente por unha forza de referente español, o PP, e o resto repartíase entre os subsumidos no BNG, que se define de esquerdas, e un conxunto de pequenas siglas ata agora insignificantes. No sector esquerdo a situación era máis normal: competencia e reparto variable entre BNG, PSdeG e EU. E logo estaba o independentismo marxinal.

Segundo isto, as opcións de crecemento do nacionalismo están en recuperar o espazo cedido no seu día ao PP no centrodereita e en atraer de novo pola esquerda a quen emigraron ao PSdeG, a EU ou á abstención. Veleiquí o argumento dos que apostan pola oportunidade positiva. A condición ideal óptima para que esta poida realizarse sería, amén dunha evolución favorable dos condicionantes económicos e políticos xerais, a existencia de dúas forzas nacionalistas (e non máis) con programas, organizacións e modos de relación coa sociedade de novo tipo, axeitados ao que hoxe esperan e reclaman os sectores sociais correspondentes. E cos vimbios que hai hoxe non é doado facer ese cesto. É posible, aínda que difícil, que as cinco siglas galeguistas de centro que anunciaron estes días o comezo dunha negociación converxente consigan facer algo parecido ao que foi o añorado Partido Galeguista dos anos trinta e que se vaia recuperando terreo polo centrodereita. Pero na banda esquerda, aínda que EI, Máis Galiza, etcétera, consigan armar unha opción renovada e atractiva, parece seguro que haberá como pouco dúas forzas nacionalistas competindo entre si e con PSdeG e EU polo mesmo espazo. E isto será un atranco formidable para darlle a volta ao refluxo do que de momento segue a ser o oitenta por cento do nacionalismo galego. Claro que sempre queda a esperanza de que algúns recapaciten, se cadra a golpe de desfeita electoral, e chegue unha reunificación sobre novas bases antes de que sexa demasiado tarde. Todo é posible. Mesmo hai quen lle toca a lotería.