G razas, Rodrigo Maseda, Xosé Antonio Villamar, Xavier López, por ese paso adiante, máis aló do que a vosa labor de policías os obrigaba a dar! E grazas, Adrián Doce, por unirte a eles no intento de salvar a un descoñecido imprudente. Grazas pola vosa heroicidade.
Aínda que ninguén está obrigado a poñer en grave risco a súa vida para intentar salvar a doutro, todos temos o deber moral de axudar a quen está en perigo. Sen embargo, ese deber moral poucas veces o poñemos en práctica. O habitual é a covardía, o medo e o egoísmo disfrazados de prudencia: non intervir, ollar para outro lado, pensar que non é labor nosa, ou mesmo decidir, como neste caso, que o outro buscou pola man a súa desgraza. Iso é o comportamento habitual, e por iso o mundo é como é. Por fortuna hai xente coma vós, Rodrigo, Xosé Antonio, Xavier e Adrián, e grazas a vós e ao voso exemplo de solidariedade, o mundo pode ser un lugar habitable e non unha selva onde impera a lei do máis forte e de sálvese quen poida. Vós contrapesades coa vosa xenerosidade, co voso heroísmo, a nosa covardía e o noso medo. Sodes o mellor que dá de si a humanidade.
Penso nas vosas nais, nas vosas familias, póñome no seu lugar e lamento no máis fondo do corazón que tres de vós pagásedes coa vida o voso xesto heroico. Só podo dicirvos chorando: ¡Grazas!, ¡bendita sexa a nai que vos pariu!