A implosión social galega

Luís Villares
Luís Villares TRIBUNA

OPINIÓN

26 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O futuro probable de Galicia está escrito no saldo vexetativo actual da poboación de Galicia. Para alterar o rumbo do incontrovertido devalo demográfico de Galicia deberíamos cambiar o xeito en que o entendemos e o nome que lle estamos dando a este fenómeno.

Mirando este saldo que non deixa de empeorar, a primeira revelación compartida é que a perda de poboación non é máis que un síntoma doutra doenza. Non é devalo; é implosión. Así deberíamos chamarlle: implosión. Unha implosión social e cultural, unha implosión económica, unha implosión territorial, que acaban por crear un estado de opinión, difícil de desmontar.

Antes, as galegas en lugar de protestar emigraban e, agora, as galegas en lugar de protestar non nacen. Esta é a máis grande e radical forma de rebeldía dun pobo: as galegas do futuro están preferindo non nacer. O peor de todo é que non se pode dicir que non teñan motivo.

Hai velenos que acaban coa demografía. O primeiro veleno político é a precarización das condicións laborais en Galicia. Traballar e non chegar a fin de mes favorece a implosión demográfica. Dende o 2014, o 89 % do traballo creado é precario, é dicir, con menos horizonte temporal e peor pagado. Aínda peor: o segmento de poboación máis afectado por esta ditadura do precariado é a xente nova, na que as taxas afectan ao 50 %. Xusto esa é a poboación á que lle estamos pedindo que teñan fillos.

Outro veleno é a fenda salarial entre mulleres e homes. O sindicato de técnicos de Facenda revelou que existe un 29 % de diferenza salarial pola realización de traballos análogos. A expectativa da muller na perda de oportunidades laborais tras a maternidade, unido á menor remuneración salarial previa, determina as decisións de futuro que nestas condicións non se poden tomar.

Para darlle volta a esta situación precisamos un novo trato cidadán no que a primeira decisión dun goberno sexa a inversión social: investir na xente asegurando que Galicia ten futuro, que Galicia é un lugar para nacer, para vivir e para facer unha vida digna de ser disfrutada.