NON SEI a qué vén tanta présa, di meu avó ao ver pola televisión a noticia do tren francés que alcanzou os 574,8 quilómetros por hora, batendo a marca mundial de velocidade sobre raís. Miña irmá explícalle que é todo un avance da enxeñería, que así a xente non perde tanto tempo nos desprazamentos, é máis cómodo para os viaxeiros e, sobre todo, aforra cansazo. Non o deu convencido. Logo pediulle que, aos seus 94 anos, fora visitala a Madrid en avión, que tamén ía ben rápido e faría a viaxe nun abrir e pechar de ollos. «Antes de que te deas conta, xa che estou recollendo no aeroporto». Negouse rotundamente. «Logo non che gustaría ir en avión algunha vez?». Volveu dicir que non con seguridade. «Por que?». «Porque non me gusta ir tan alto. Hai que ir por onde pisan os bois, que é por onde se fan os camiños». Contounos a historia dun veciño que nunca quixera montar en coche porque non se sentía seguro. Dicía que el camiñaba por onde o facían os bois que tiraban do seu carro. Moitos eran os coñecidos que o convidaban a facer unha viaxe, aínda que fose pequena, no auto. Declinaba sempre a invitación. Curiosidades da vida, comenta meu avó, foi o destino o que quixo que fose el quen estreara o primeiro coche da funeraria do pobo. Morrera atropelado por un dos automóbiles que tanto respecto lle impoñían. Con razón non quería saber nada deles! Se levanta hoxe a cabeza e ve o número de accidentes que se están a producir continuamente, a pesar das continuas campañas de Tráfico, pensaría coma meu avó, que a onde imos con tanto apuro. Vería que aínda non solucionamos as guerras no mundo, que non nos puxemos de acordo na maioría das cuestións políticas, que cada vez hai máis violencia nas familias e nas escolas... que non hai tempo para o importante, porque o tempo corre axiña. Entón... Non sei a qué ven tanta présa.