¿Quen eran os nenos mortos?

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

MELLOR habería que preguntar de quen eran, dada a súa situación de total desamparo. A noticia veu en todos os xornais: Uns terroristas iraquís explosionan un coche bomba con dous nenos dentro. Todos comentan o horror desa nova forma de terrorismo, a maneira en que lograron pasar os controis policiais con aquelas dúas criaturas sentadas no asento traseiro. Os responsables de seguridade xustifícanse dicindo que a presenza infantil levounos a deixar pasar o coche. Todos falan enseguida doutros actos terroristas. Dos nenos non se di nada máis. Nun primeiro momento, un pode pensar que eran fillos dos que conducían o coche e que o fanatismo levounos non só a sacrificar a propia vida senón a vida de dous inocentes que non teñen capacidade para decidir por si mesmos. Pero ao seguir lendo, soubemos que os adultos, unha vez aparcado o coche, saíron correndo, e que detonaron o vehículo cos nenos dentro. ¿Por que o fixeron? Quizá tiñan planeado fuxir todos, pero os nenos non acertaron a saír do vehículo. Nese caso, se fosen os pais, non se irían sen eles, ou non farían explotar a bomba. Non cabe en cabeza humana que un pai deixe morrer a un fillo desa maneira. Ou quizá eran nenos orfos, pobres, recollidos na rúa -¿queredes dar un paseo?-, enganados para que subisen ao coche. Pero, aínda así, ¿por que non deixalos saír cumprida a súa misión de parapeto? Ou pode que fosen nenos secuestrados, roubados a familias consideradas inimigas; nenos que eran, eles tamén, obxectivo para os terroristas. Sorprende a falta de información sobre eses dous nenos mortos, a falta de interese. ¿Quen eran, como chegaron a aquel coche, que idade tiñan, que aspecto, víanse tranquilos ou asustados?... Só importan na medida en que exemplifican unha nova forma de terrorismo, un incremento do horror. A partir de agora, nos controis militares revisaranse tamén os coches que leven nenos. Esa será a única lembranza para aquelas dúas pequenas e anónimas vítimas.