Día internacional contra o hábito de sufrir

| MARÍA XOSÉ PORTEIRO |

OPINIÓN

24 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI vinte anos que se crearon as primeiras casas de acollida para mulleres maltratadas en Galicia, tempo abondo xa como para empezar a reclamar un cambio profundo nas pautas de relación entre homes e mulleres. Leis como a aprobada polas Cortes Xerais de medidas contra a violencia de xénero ou a futura Lei de Igualdade son ferramentas para facer realidade un novo contrato social coas mulleres. Pero temos por diante o reto de seguir traballando para que a violencia de xénero -ou opresión de xénero, como algunhas estudosas prefiren denominar- sexa entendida como una definición de máis amplo espectro que abrangue a trata de mulleres, o acoso, os delitos contra a liberdade sexual, as violacións sistemáticas en tempo de guerra, a publicidade sexista e a linguaxe ofensiva e discriminatoria. Aspectos moi diversos dun mesmo fenómeno que ten a súa raíz nunhas regras de xogo fixadas desde o androcentrismo e mesmo desde a misoxinia. «A resignación non é máis ca o hábito de sufrir», dixo Concepción Arenal. Precisamente a resignación é o primeiro co que unha muller maltratada ten que rachar. E hai moito sufrimento producido por unha violencia que non se pode fotografar ou ser recollida nun parte do servizo de urxencias. Porque violencia son as tácticas de presión, faltas de respecto, abuso de autoridade e confianza, tiranía emocional, control económico, comportamentos destrutivos da personalidade, illamento da vítima, acoso, intimidación, destrución de posesións, ata chegarmos a violencia sexual e física en sentido estrito. Hai que rebelarse contra o maltrato verbal. Contra os comentarios degradantes, insultos, observacións humillantes sobre o aspecto, a inferioridade ou a incompetencia, e moito máis se vai acompañado de berros, insultos, acusacións, burla, maldicires ou xestos insultantes, todos eles xeitos de maltrato emocional encamiñado a despoxar á vítima de calquera vestixio de autoestima. O seu efecto é acumulativo. A misoxinia inspira prácticas xustificadas como «tradicións relixiosas ou culturais» e resulta moi recoñecible na linguaxe cotiá, onde reflicte unha violencia social e socializada contra das mulleres, consolidada por séculos de historia. Platón dicía que dado que a natureza humana é dual, había que chamar home á mellor clase. Nietzsche aseguraba que todo na muller ten unha única solución que se chama embarazo. Walesa afirmaba que as mulleres son para a diversión pero que en política non quería nin velas. Norman Mailer dicía que un pouquiño de violación vaille moi ben á alma de calquera muller, e Henry Miller chegou a dicir que gozaba das mulleres coma dos cans porque son outra especie á que se lle colle cariño¿ Na vida cotiá podemos encontrar infinitos comportamentos que coinciden con estas ideas e coas que hai que rachar, porque a forza do costume, a resignación, son o motor da misoxinia e o alimento da violencia.