NON ESTOU SEGURO. Non sei se é xusto quitarlle agora o doutorado honoris causa que lle outorgou a Universidade de Santiago ao xeneral Franco nos anos sesenta. Isto, como saben, é o que ven de facer a Universidade de Santiago. Comprendo os motivos da Universidade; e non só os políticos: a parte do incómodo que é contar cun ditador no cadro de honra, hai que recoñecer que a presenza deste intelectual en concreto baixa bastante a media académica; neste caso non a dos alumnos, senón a dos profesores. Damnatio memoriae chamaban os clásicos a isto: borrar de todas partes o nome dun emperador, ou outro personaxe caído en desgraza, para que nunca máis ninguén o volvese mencionar. Fíxose con Calígula en Roma, fixérase con Eróstrato en Grecia. Con Eróstrato funcionou relativamente ben (só relativamente, xa ven que eu acabo de mencionalo), pero con Calígula salta á vista que non funcionou en absoluto¿ A sociedade segue sen decidirse entre a moralidade de esquecer e a moralidade de lembrar. Como se querer esquecer e querer lembrar non fosen no fondo a mesma cousa. Eu, modestamente, propoñía deixarlle o honoris causa ao home de momento, se ben co compromiso de que presente unha tese de doutoramento (a través dun médium, quizais). Podería valer Raza , por exemplo, que é xa unha tese sobre si mesmo no ámbito da psiquiatría. Ou, xa que lle gustaba o cinema, que faga a tese no departamento de Cine de Facultade de Historia, co meu amigo Ángel Hueso; aínda que non sei se Ángel querería un alumno tan rebelde. Porque Franco era ben rebelde. Tanto que se sublevou contra un país enteiro cun resultado duns seiscentos mil mortos. Iso, por exemplo, baixaríalle moitos puntos no currículo. Así que tería que traballar moi duro, e dubido que lograse o aprobado. Problema resolto. Mentres tanto, como digo, non estou seguro de se está ben quitarlle a Franco o seu bonete. Visto o visto, de momento conformaríame con que non se lle dese a Teodoro Obiang un doutorado en Leis pola Complutense¿