Mancar o prestixio alleo

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

24 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SE AGONÍEN os que se sintan aludidos por protexidos do neoliberalismo imperante. Trátase só da traída dos restos de Castelao por quen non entendían ben o seu pensamento mais si sabían do valor do seu prestixio e, sen darse conta, do único do que se apropiaron foi do corpo material. Mais pola Arxentina fican tirados outros exiliados de menos sona que morreron alá, entre os que se conta a Antonio Baltar, a Ramón Suárez Picallo (quería que o enterrasen no Fiunchedo), a Núñez Búa, a Gumersindo Sánchez Guisande (o que atendeu a Castelao deica o último día e embalsamou o seu cadáver axudado por seu fillo Wenceslao), ao presidente dos socialistas de Santiago no ano 36, Leoncio Virgós (do que remata de investigar María Díaz) e a tantos outros que morreron no exilio por amar a Galicia e que si entendían o pensamento de Castelao, pero a rendibilidade da súa apropiación non compensaba o esforzo, que pagamos todos, por traer desde Buenos Aires os restos do rianxeiro. Do consentimento ou do silencio de tantos responsables seguiron outras trangalladas que se contan por centos. Agora estase empezando a saber quén era Lois Tobío Fernández, co motivo dos cen anos do seu nacemento. Mais este recoñecemento chega demasiado tarde, cando xa foron entronizadas, logo de tantos anos, na vida social e cultural de Galicia, tantas aberracións que xa ninguén as discute porque coida que as cousas teñen que ser así como as deixou o franquismo. Lois Tobío, cofundador do Seminario de Estudos Galegos, presidente da súa sección de Ciencias Xurídicas, Sociais e Económicas, á que se debe o primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza. Castelao utilizou a Lois Tobío como asesor xurídico para o artellamento do Consello de Galiza (a filla de Tobío, Constanza, garda a documentación desto) e Lois Tobío vixiou ata o final para manter en puridade a vontade do pobo galego en fideicomiso dos elixidos como seus representantes no 1936, impedindo que o Consello de Galiza se continuase con xente nova, que xa non representaban a aquel mandato, como pretendían algúns. Do pensamento político de Castelao e da súa tradución a un Estatuto de Galiza ninguén tiña máis coñecementos que Lois Tobío. Ninguén dos que tiveron responsabilidade de elaboralo contaron con Lois Tobío. Todos queremos pasar por ser os inventores da pólvora, que xa a inventaran os chinos hai máis de dous mil anos. Castelao non distinguía entre nación e nacionalidade . Mais parece que isto o é todo na nosa deturpada idea da autonomía, que actúa como unha desmemoriada que non sabe dicir que Galiza foi o primeiro reino da península, un dos reinos peninsulares que aparece como tal no inventario de posesións do testamento de Isabel a Católica. Recuperando esquecementos tivemos que agardar a morte de Ricardo García Suárez, o que se fixo chamar Xoham Ledo. Xa antes do 36 eramos amigos e discutiamos sobre a arte nova, e algo pintabamos. O último día 14 Paco del Riego nos recordaba a Xesús Fraga e a min a exposición que nos organizara no Círculo Mercantil aos artistas novos. Xoham Ledo era un home entrañable cun magnífico concepto plástico que Del Riego soubo aproveitar para facelo o primeiro ilustrador de Galaxia, e Luís Seoane para facelo membro do padroado do Museo Carlos Maside.