O Día das Letras (¿festivo?)

OPINIÓN

13 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A PRIMEIRA vez que vin os libros galegos na rúa, cos libreiros a ofrecer os textos de Castelao, de Rosalía de Castro e de Cunqueiro na praza pública, foi contra finais dos anos sesenta. Por aquelas datas andaban tamén coa campaña do Peso, para promover e financiar o teatro galego; e as asociacións culturais (O Galo de Santiago, O Facho da Coruña, Abrente de Ribadavia, Valle Inclán de Lugo, a Asociación Cultural de Vigo, etcétera) daban gratis clases de galego e arriscaban todo tipo de iniciativas, que máis dunha vez chocaban abertamente coa censura do réxime de Franco. ¿Eran tempos de entusiasmo? Máis ben de penuria. De asoballamento e penuria. Logo veu a transición. E os libreiros seguían saíndo á rúa. E o asociacionismo cultural de base seguía actuando, non menos entusiasta. E apareceu o movemento importante das escolas e os mestres, unha vez que foi posible empezar a traballar no marco legal da lingua recoñecida oficialmente no ensino (1979). Nas primeiras convocatorias dos Premios da Crítica-Galicia de Vigo, por exemplo, pegábamos carteis todos, dende Bieito Ledo, daquela o noso presidente, ata Miguel Anxo Murado (o biólogo), Branca e Anxo Tarrío, Roi Alonso, María Xosé Porteiro, Uxío Labarta, Manuel Janeiro, Francisco Mantecón ou Vítor Vaqueiro. E non tiñamos un peso. Pero dalgunha parte saían os cartos, petando aquí e acolá en todos os portelos. Nos colexios e nos institutos centrabamos nunha semana ou dúas as actividades das letras. Nas emisoras de radio os rapaces faciamos a programación en galego, e algúns anunciantes mesmo así o entendían. Xosé González (Pepiño de Redondela) galeguizaba administracións locais gratis et amore. Os pais pediamos escola en galego para os pequenos. Velaí aquela campaña das Mil Primaveras, da Radio Popular de Vigo, que entón dirixía González Martín, e que reuniu case 20.000 sinaturas de particulares e institucións. E a Asociación de Funcionarios a prol da lingua. E a asociación de empresarios. E o movemento (pequeno, pero non menos entusiasta) entre os xuíces. E os cregos. Ou algúns cregos... En 1991, a Xunta de Galicia presidida por Manuel Fraga acordou que o Día das Letras Galegas, acaso a máis feliz iniciativa que promoveu a Academia Galega dende a súa creación, fose día festivo. E todos nos lanzamos á praia. Non digo que non fose ben intencionada a iniciativa. Pero aí empezou a acomodación: esta liturxia na que estamos instalados. ¿Qué celebramos exactamente? ¿Qué estado de compracencia ou satisfacción? ¿Qué plenitude alcanzamos para merecer este ocio? ¿De verdade temos razóns para sentirnos tan felices? Cómpre un cambio radical que nos reactive. Cómpre recuperar o traballo, en definitiva. Urxentemente.