As falas (esencialmente) galegas de Cáceres


O REI Afonso VIII de León e Galicia (oficialmente IX) repoboou a rexión portuguesa de Riba-Coa e zonas veciñas de Salamanca e Cáceres nas tres primeiras décadas do século XIII. Deses asentamentos proceden os topónimos Galegos, Galegas, Galega e Prado Galego de Riba-Coa e os Galegos (e Teso Galego, Valgalego, etcétera) da Estremadura española; pero a mellor pegada desa herdanza son as falas do val de Xálima (ou do río Ellas), que no esencial continúan o galego medieval dos repoboadores.Na monografía A linguagem dos foros de Castelo Rodrigo (1959), o portugués Lindley Cintra referíase á lingua de Castelo Rodrigo e de Riba-Coa do século XIII como «falar fundamentalmente galego, mas com leonesismos» e á da rexión de Xálima como «falar também essencialmente galego». A pervivencia desa fala en Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trebello explicaríase polo illamento da zona, nos somontes da serra de Gata, pois na década de 1950 non había ningunha estrada con Portugal e as comunicacións con Cáceres eran moi limitadas. Neses tres concellos os glotónimos (e xentilicios) valverdeiro, lagarteiro e mañego designan as respectivas falas, que, pese ás diferenzas, séntense como variedades dun mesmo «dialecto». Espontaneamente non se adoita usar os termos portugués ou galego , aínda que, como di Gargallo Gil, moitos son «bien sensibles a una afinidad intuitiva con lo gallego». ¿Fálase galego en Cáceres? Moitos trazos lingüísticos do Xálima son propios do galego e do portugués, do galego e do portugués do norte e nalgún caso só do galego, como a ausencia de vogais nasais e a nasal velar de unha e compostos. Hai algúns fenómenos propios do castelán e do astur-leonés, que poden existir en portugués, e tamén os hai específicos do Val de Xálima. Costas González di que esas falas concordan nun 81% co galego, nun 63% co astur-leonés e nun 60% co portugués. A repoboación nesa zona estremeña e a pervivencia de falas galegas en Cáceres lémbrame o que ocorreu en Italia coas comunidades valdenses orixinarias do sur de Francia, que na segunda metade do XIV, fuxindo das persecucións, se instalaron no sur de Italia. Aquí as poboacións locais asimiláronas, agás en Guardia Piemontese, na provincia calabresa de Cosenza, onde aínda se fala o guardiolo , variedade occitana, igual que valverdeiro, lagarteiro e mañego son variedades (esencialmente) galegas. Cuestión diferente é a procura dun glotónimo común para as tres falas, que podería ser valego , e a súa codificación como galegas, portuguesas ou valegas. A política lingüística tena que facer a Junta de Extremadura; pero aos galegos non nos é allea a situación lingüística do Val de Xálima, polo que a Xunta de Galicia e a Academia Galega deben colaborar tecnicamente na dignificación dese patrimonio inmaterial común a galegos, portugueses e estremeños.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

As falas (esencialmente) galegas de Cáceres