O labor das bibliotecas

OPINIÓN

AGORA que concellos e comunidades están facendo planos para fomentar a lectura, deberían lembrarse do importante papel que desempeñan as bibliotecas, e dentro delas as persoas encargadas de dirixilas e de atender aos posibles lectores. Segundo quen estea a fronte dunha biblioteca pública, ese centro pode desempeñar una importante función social ou ser só un local onde os xubilados van ler o periódico e a xente nova reúnese cos amigos e colle vídeos en préstamo. Coñezo moitas bibliotecas de este tipo, atendidas por funcionarios que se limitan a rexistrar os libros prestados ou devoltos, sen establecer o máis mínimo contacto co lector, xente que igual podería estar na caixa dun supermercado ou nunha estación de gasolina. Pero tamén coñezo outras que, grazas ao labor de quen as dirixen, convértense en verdadeiros centros culturais onde se organizan actividades que teñen relación cos libros: lecturas de obras, cursiños, conferencias, coloquios cos autores e ata maratóns de lectura, ademais do traballo cotián de aconsellar e animar cos seus comentarios aos posibles lectores. Todo isto depende en gran medida da boa disposición de persoas que por vocación deciden dedicarlle á biblioteca moitas máis horas das que teñen que dedicarlle por obriga. Xente xenerosa e desinteresada, con verdadeiro gusto polos libros, que non dubida en sacrificar horas de vagar para meterse en tarefas polas que moitas veces non reciben nin sequera as grazas dos beneficiados ou dos superiores no escalafón. Eu teño participado en moitos clubs de lecturas organizados nas bibliotecas ao longo de toda España, e quero hoxe deixar testemuño da miña admiración por esa xente, xenerosa promotora da lectura, a figura de dúas bibliotecarias exemplares: a da xa xubilada Alicia Villamarín, da biblioteca de Mondoñedo, e a de Chus Álvarez, chea de xuventude e entusiasmo, da Biblioteca de Foz. Para elas o meu agradecemento como lectora e como escritora, co desexo de que se espalle o seu exemplo.