Oportunidades para a paz

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

29 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SE trata de trasladar, moito menos dun xeito automático, experiencias e realidades políticas que de feito son diferentes. Pero as últimas noticias que chegan de Irlanda traen un ventiño novo de esperanza que non deberíamos deixar pasar como se non fose connosco, ou como se non nos interesase nada. O Exército Republicano Irlandés (IRA) anuncia o abandono da acción armada logo de 35 anos de terrorismo. É o resultado dun proceso que se iniciou hai case oito anos e que se acelerou notablemente nos últimos tempos, en parte polo talento (e talante) político de Gerry Adams, líder do Sinn Féin, e do primeiro ministro británico Tony Blair; en parte polo esgotamento do propio IRA, policialmente acurralado e sen grandes posibilidades de recambio xeracional (xente nova que o alimente); en parte pola canseira da poboación e da base social que o viña sostendo, e en parte, pola circunstancia internacional, que, logo do 11-S sobre todo, introduciu tal dose de horror e de espanto nas sociedades occidentais (o terrorismo islámico) que dificilmente admite comparacións posibles. No fondo é a vella historia de curar a dor de cabeza esmagando os dedos cun martelo. A segunda dor é tan forte que xa ninguén pensa na primeira, e moito menos entende a súa utilidade. Os apoios norteamericanos (o lobby oculto dos irlandeses) desapareceron. O rexeitamento social é practicamente unánime contra este tipo de prácticas, que seguían a ter os seus defensores, e a intelixencia dos políticos logrou un marco posible de actuación que serve agora de punto de apoio para un novo tempo: unha oportunidade para a paz, que dicía a canción de John Lennon. Unha oportunidade. Será cousa de seguir os acontecementos. Pero unha oportunidade. Un xanelo de esperanza, que non é pouco nestes tempos. Quero subliñar a intelixencia política que está detrás de todo isto. Intelixencia e interlocutores cos que falar e poder entenderse. ¿Chamamos a isto negociación? As palabras pérdennos. As palabras e a rixidez inflexible de certos planteamentos. ¡Sempre é posible (e necesario) falar! Sen palabras, sen imaxinación, sen flexibilidade, alén dos prexuízos dominantes, nunca será posible ese espazo de encontro necesario para construír o futuro. Oxalá alguén estea tomando notas.