SUCEDA o que suceda, as cousas non van ser nunca como antes. Algúns dirán que sempre é así, logo dunha consulta electoral. Mais esta vez estamos certamente a cerrar un ciclo. Un ciclo histórico, poderiamos dicir. Se o Partido Popular obtén a maioría absoluta e volve gobernar, deberá saber que, tal como están as cousas, primeiro: terá que asumir cambios importantes no deseño do seu propio goberno, non para seguir dando máis do mesmo (como anuncia o seu programa) senón para ofrecer algo distinto, consonte as novas necesidades e a nova realidade que se debuxa. O que hai está esgotado. E segundo: terá que afrontar dende o poder a necesaria transición interna que non afrontou antes, e esta é unha das grandes eivas da súa situación actual. A sucesión do presidente Fraga non é unha cuestión menor, nin a renovación do partido (de ningún partido) algo que se improvise de arriba a abaixo e por decreto. Se pola contra, como anuncian a meirande parte das enquisas, se produce un cambio na correlación de votos, a realidade política galega inaugura unha nova etapa marcada por un proceso moitas veces enunciado pero nunca ensaiado nesta dimensión (agás nalgúns pactos locais con desigual fortuna: o concello de Vigo, a Deputación da Coruña, os concellos de Santiago, Pontevedra, Lugo...). O BNG e o PSdeG-PSOE teñen culturas políticas distintas, mais complementarias, e o talento vai consistir en saber harmonizalas. ¿Cabe a colaboración, o pacto estratéxico, respectando a identidade de cada parte? ¿Haberá talento, intelixencia política para levalo adiante? Velaí o desafío ao que tamén nos enfrontamos, e que nunca estivo tan maduro como agora, o que non quiere dicir que non vaian existir dificultades. Suceda o que suceda, digo, cada unha das partes que mañá compiten na confianza dos electores, debe saber que ten por diante un horizonte decisivo e, ao mesmo tempo, unha oportunidade. A vida non acaba ao día seguinte. Se o PP perdese a maioría e pasase á oposición, confirmarase algo que moitos observadores demandan: a necesaria renovación e transformación interna dunha organización importante, representativa e necesaria que, logo de moitos anos de exercicio do poder (tamén do poder no Estado), ten sen resolver a súa renovación en todas as frontes (incluída a renovación xeracional). Sen renovación non hai futuro, e a experiencia demostra que esa renovación, que esixe unha revisión e unha autocrítica profunda (radical, dende as raíces), non se fai facilmente dende o poder. Dende o poder máis ben tende a cerrarse en falso. Paralelamente, se o PSdeG-PSOE e o BNG non logran os seus obxectivos de confluir con votos suficientes nunha alternativa de goberno, á marxe da análise que os resultados merezan en cada caso, un e outro deberán iniciar tamén un profundo debate interno. O país (a sociedade) non se equivoca, como algúns ás veces pretenden, para manter teimudamente a posición. Os votos son o termómetro dun estado de opinión, a expresión formal das expectativas da sociedade e, ao mesmo tempo, a resposta social aos discursos que dende os partidos se emiten: modelos sociais, modelos de organización, estratexias de liderato, talantes, principios... Non parece fácil que desta vez ocurra aquilo doutras convocatorias nas que, ao final, todo o mundo gaña e aquí non pasou nada. Suceda o que suceda mañá, haberá gañadores e perdedores. E consecuencias en ambos dous casos. Para as organizacións políticas e máis para o país, por suposto, que somos todos.