A feira do libro

OPINIÓN

EN XUÑO, en Madrid, xa se sabe: calor, treboadas e feira do libro. Din que dende que non hai listas de autores máis vendidos o ambiente está máis relaxado. Eu, a verdade, isto non o podo confirmar porque, como o asunto nunca me afectou, non sei se os autores aspirantes ao título están ou non máis tranquilos. O que si puiden observar foron as enormes colas de que disfrutaba Pedro J. Ramírez, o director de El Mundo. Calquera diría que regalaban El desquite . Eu firmei un sábado na mesma caseta que Carlos Fuentes e ía xa preparada e resignada a ver pasar a xente cara el sen me facer a min maldito o caso. E así foi, en efecto, pero non tanto como temía, en parte porque el a ratos tamén se quedaba ollando para o ceo, sen firma que botar, ou saía da caseta, non sei con qué intención, e, en parte, porque eu alargaba as miñas firmas, facendo debuxos nas dedicatorias e escoitando con boa cara o que os lectores decidían contarme. Os comentarios son variados. Por unha parte están os lectores habituais que coñecen a miña obra, que comentan que lles gusta moito. É frecuente que alguén que escoita o comentario se anime a mercar tamén o libro. Ou sexa que o boca a boca segue funcionando pese ás técnicas máis agresivas da publicidade. Outra xente cóntame que o que eu escribín é tal cal a súa historia e piden unha dirección onde poder mandarme o relato da súa vida. E tamén hai o lector despreciativo da firma; son poucos, pero hainos. Este ano foi unha muller de mediana idade, vestida e peiteada con descuido. Veu a tiro fixo mercar a reedición dunha novela antiga. Díxome que todas as outras xa as tiña lido, e cando lle preguntei se quería que lla firmase, respondeu sen nengún entusiasmo: «Se quere...». E tamén están os que fan fotos e non mercan libros. En fin, o dito: calor, treboadas, e xente para todo.