A sutileza e a elegancia política

OPINIÓN

05 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON TEÑO memoria para saber exactamente o día e o ano que mantiven a miña primeira conversa con Domingo García-Sabell. Tampouco sei se foi no verán ou no inverno; cecais no outono ou na primavera. Pero que máis ten, nestes momentos. O certo é que pasaron uns cantos quinquenios. Daquela, os rapaces inquietos buscabamos lecturas que nos serviran para reflexionar, discutir e cavilar certas accións que, máis tarde, utilizariamos como referentes á hora de levar a prácticas as políticas necesarias para un país. Convencidos estabamos de que non sería eterna a dictadura nin tampouco os colaboradores da mesma. Cecais aquí me equivocara. Fumos atraídos por unha persoa que escribía aló polo 1966 unhas notas encol da antropoloxía do home galego; que falaba da probeza, da fame e da análise existencial do galego. Consciente delo García-Sabell combinaba a utilidade coa fortaleza como forma de reflectir os seus propios pensamentos e as accións derivadas desas consideracións. A fecundidade de Domingo para argallar movementos de defensa e de vindicación de o noso serviron para alimentar moitas iniciativas que agromaban coma as ponlas dun forte carballo. Coas raíces na terra foron edificándose organizacións e plataformas que serviron para manter vivo e limpo o facho dunha cultura e dunha personalidade propia. Sempre observei en García-Sabell non só a sutileza nas súas recomendacións, que viñan sendo suxerencias obrigadas , senón que tamén reflectían elegancia á hora da súa formulación. Foi elegante (que non narcisista) e soubo conxugar á perfección aquelo que el mesmo definía coma a «dinámica dos tres Yo »: é dicir, o Yo instrumental (ou da aceptación); o Yo da afirmación (que revela a identidade); e o Yo da axuda (ou da colaboración interhumana). Esta singularidade de García-Sabell ó relacionar a «faz trimembre del yo gallego» pode resultar aínda máis difícil se consideramos que estas tres posicións non aparecen por orde sucesiva, senón que podemos botar man dun ou de outro Yo , tanto para exhibirse como para actuar. Ou sexa, o galego posúe ese dinamismo propio e esa simultaneidade preclara que lle permite utilizar cada Yo para respostar ás necesidades do momento. Domingo, polo tanto, coma político, fixo uso dese tornasolado crisol da intimidade galega. E fíxoo conscientemente ó longo da súa vertente política e pública. Tanto nunha coma noutra faceta depositou recursos e foi evolucionando ó socaire do contacto coa sociedade. A aportación de García-Sabell foi singular na medida en que ó contribuír ó desenvolvemento da cultura permitiu a creación e o desenvolvemento de novos impulsos; rasgos básicos para a supervivencia e o permanecer como identitario. Hoxe en día aínda permanecemos uns cantos superviventes que agardamos tempos mellores para Galicia , fuxindo das actuais manobras de disfraz e de progreso enmascarado, típicas dalgúns. A elegancia de Domingo traducíase cando era capaz de revitalizar certos xuízos e posicións dialécticas, amosando un talante e unha forma de ser que admitía tanto a realidade das cousas, coma a realidade de persoas. Esa combinación de vectores no seu comportamento servíronlle para observar e plasmar unha visión de respecto positivo cara ós demais; non exento, como é obvio, do necesario e obrigado radicalismo intelectual. Tiña un completo sentido de conxunto. Para García-Sabell, se perderamos o devandito sentido, todo progreso carecería de finalidade. Neste sentido, matizaba que «a reiteración e a insistencia na liña recuperadora» constitúe a posición idónea. Foi audaz en certas proposicións, o que lle valeu ser acusado de «estético» e «funcional»; pero sen dúbida algunha foi xeneroso e indiscriminado. Non sei cando foi a derradeira vez que falei con García-Sabell. Pola caída das follas no outono ou no agromar da primavera. Nono sei. Pero, qué máis ten nestes momentos.