falar.ben@lavoz.es O LUNS pasado vendo unha reportaxe na TVE quedei abraiada ante as imaxes dun campamento de soldados americanos en Kuwait. Contan cun supermercado con todo o necesario (roupa, limpeza, hixiene persoal...). Fóra, varios carritos de comida americana, con toldos de cores incluídos, despachan hamburguesas, bocadillos e pizzas. Os soldados fan colas pacientemente para recoller as xa famosas bolsas de papel marrón, cos alimentos no seu interior. Warfood con sabor caseiro. Por se isto fose pouco, teñen ademais unha espectacular xoiería para poder enviarlle á moza ou ó mozo un souvenir de lembranza: «Recordo da guerra de Iraq, marzo 2003». Se non resultase tan grotesco, pensaría en Gila adobiado co casco e o teléfono: «Ola, póñame co inimigo». Cinco días despois, as imaxes volvéronse terribles. Tras varias xornadas de bombardeos en cor verde, Bagdad ardeu. Quedou demostrada a eficacia dos mísiles ianquis. Un dos efectos colaterais da guerra, no que respecta á lingua, é o emprego deste substantivo galego, que se caracteriza por unha acentuación grave no singular: Un mísil Tomahawk cae sobre un edificio da capital iraquí. De acordo coas regras do plural, as formas non agudas rematadas en ele engaden -es: mísil, mísiles (móbil, móbiles; hábil, hábiles...). É incorrecto, entón, o plural en -is (*misís), correspondente a unha acentuación aguda (*misil). Este substantivo galego coincide nesta característica co catalán e o portugués, que comparten a mesma forma: míssil (do latín, missile).Mísiles de morte, enviados no nome do pai, do fillo e do espírito santo. Amén.