Radicais e dogmáticos

OPINIÓN

A UN LECTOR que me acusa de radical e de dogmático explícolle que radical é o que vai á raíz das cousas polo camiño da razón; dogmático é quen cristaliza nas súas razóns, que sempre son boas, mellores cas de ninguén, únicas e ferreñas. O primeiro, o radical, chega ó fondo das cousas descorrendo, falando e escoitando; o segundo, o dogmático, xa non chega, está e mantense apreixado nas súas razóns. O radical recorre ó pensamento, pois persegue a verdade, e sabe que esta é un pouco coma unha muller: hai que conquistala cada día e cada hora, e aínda así non sempre se entrega. Pero o dogmático, enmallado nos seus esquemas, nin pensa, nin fala: pon a bomba, real ou simbólica, para impoñe-lo silencio. O ser humano é o único ser da creación que fala. E que fale é o que o fai superior ós demais. Por iso o dogmático é sempre regresivo, a diferencia do radical que é progresivo: o dogmático impón o silencio coa súa bomba ó radical. Pero este, aínda sabéndoo, fala, dialoga, pensa. Non é pouca a diferencia.