Jorge Negrete coa guerrilla galega

OPINIÓN

02 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

MOITOS do meu tempo saben de memoria unha boa parte das cancións do famoso artista mexicano. Eu aínda canto algunhas cando me afeito. Aprendinas en Vigo, entre 1946 e 1948, estudiante eu dos dous últimos cursos de Bacherelato. Creo que vin, daquela, case tódalas películas do gran canto. Non sei onde estaba eu e qué facía o 1 de febreiro de 1947, mentres, na Comisaría da Coruña, os mellores policías franquistas torturaban, entre outras persoas relacionadas coa guerrilla galega, a Ramón Seoane Suárez, de trinta anos, albanel e natural de Rutis-Vilaboa. Pertencía, nesas datas, ó Comité Provincial Coruñés do Partido Comunista de España. Polos datos que teño, o infortunado Ramón Seoane non cantou , pero a policía atopoulle papeis que o comprometían, entre eles un poema de 23 versos en castelán. Nun mundo menos inxusto, a posesión dun poema, lonxe de ser un delicto, debería ser unha circunstancia eximente ou atenuante. Na situación aquela, a folla cos 23 versos foi un argumento máis contra o indefenso Ramón Seoane, aínda que eu non sei se el era o autor do poema. Non sei se o soubo, antes ou despois das sesións de tortura, a aplicada policía coruñesa (a policía destinada, en 1947, na Coruña). «Música de la Tapatía» O que si soubo a policía é que aquel poema era un himno, o himno das guerrillas galegas (ou un deles), himno que, na música, reproducía unha famosa canción de Jorge Negrete. En efecto, a folla poética ocupada a Ramón Seoane iníciase con esta aclaración: Música de la Tapatía. A música dunha das máis célebres cancións de Jorge Negrete, a que comezaba con estes dous versos: «¡Ay, qué orgullo tengo de ser de Jalisco,/ de ser de esa tierra donde las mujeres...». Velaquí a versión política dos versos cantados por Jorte Negrete, fose el ou non o autor da melodía: «Ay, qué orgullo tengo de ser guerrillero / de ser camarada de los guerrilleros, /que están en el monte y entregan su vida / para liberarnos de la tiranía. / ¡Salud, guerrilleros!». Hai unha estrofa de Jorge Negrete que se inicia con verso «Aquí no queremos...», verso que, na versión política, modifca os dous complementos directos do verbo: «Aquí no queremos Franco ni Falange». Descoñecía eu este himno cando, en agosto, presentei en Catoira a colectánea por min preparada co título A guerrilla antifranquista e os guerrilleiros de Galicia na voz dos poetas (150 páxinas). Hai días intervín na Coruña nunhas xornadas contra a desmemoria e asistín a unha excelente e precisa comunicación de Luís Lamela, un dos mellores e máis documentados investigadores da represión exercida polo franquismo nas catro provincias galegas. Foi nesa comunicación onde Luís Lamela nos deu a coñecer esta canción. Un exemplar deste texto literario estaba no poder de Ramón Seoane Suárez cando caeu nas poutas da policía a comezos de 1947. Mozo de trinta anos, albanel de oficio e comunista de militancia, nin os catedráticos de Literatura saben se Ramón Seoane tamén era poeta. Foi condenado a longos anos de cadea, con 55 camaradas, no verán de 1947. «Salud, guerrilleros».