Sobre o pai do Creacionismo

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

OPINIÓN

16 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

BEN SABIDO é que Vicente Huidobro foi considerado iniciador do Creacionismo, aquela tendencia literaria que se esparexeu a partir da segunda década do século vinte. A obra de Huidobro analizouna cabalmente Mireya Camurati. Pasaron xa moitos anos da aparición do volume desta profesora universitaria que exerceu a docencia nunha facultade de New York. Caeu agora o seu libro nas nosas mans por un casual. Puxémonos a leelo con curiosidade. Pareceunos un valioso ensaio, cuia metodolóxica trascende os límites habitauis. Abrangue cinco partes. A primeira sinala as influencias que sobre Huidobro exerceron Marinetti, Apollinaire, André Breton ou Paul Reverdy. Tamén outros persoeiros das tendencias de vangarda: futurismo, cubismo, superrealismo, dadaísmo, ultraísmo... Ou sexa, aquelas tendencias que imperaban na convulsionada Europa durante e despois da Primeira Guerra Mundial. Asemade, a contribución dalgúns visionarios precursores, entre eles Ralph Waldo Emerson e Stéphane Mallarmé. Sobre esta última, Huidobro compuxera un Tríptico . Deuno a coñecer en 1936 a revista Sur , de Victoria Ocampo. Ademais, segundo Mireya Camurati, nas primeiras obras do escritor chileno, aínda semtimentais e románticas, perduraron os sinais de Heine e Bécquer. Despois dunha transitoria identificación co simbolismo francés, coincidíu cos modernistas: Rubén Darío, José Asunción Silva, Leopoldo Lugones. Foron notables os cambios de Huidobro, ata se converter en vigoroso xefe de escola. Na segunda parte do libro, relaciónase a obra do poeta chileno coas realizacións de varios escritores e pintores cubistas: Picasso, Braque, Juan Gris, Max Jacob. E, xa que logo, cos xa citados Reverdy, Breton, Apollinaire, este último cos seus sonados Caligramas . Nos capítulos terceiro e cuarto, Mireya Camurati formula as normas esenciais do Creacionismo. Neste particular ofrece abondosos exemplos. Como apéndice, unha nota baseada nun estudio tamén dela sobre a poesía en América. Vencéllao con Huidobro, a través dos seus Poemas pintados , ideogramas e xogos tipográficos. Tense dito que a ascendencia do poeta chileno era de orixe galega. Cunqueiro, por exemplo, vencellábaa á cidade minoniense. De calquera xeito, o libro ó que agora nos referimos amosa unha tese clarificadora. Quizais só poda despertar interese para especialistas e estudiosos. O Creacionismo, como outros movementos de vangarda, perdeu vixencia. Tiveron todos a súa época con notorio acento singularizador. En Galicia, o Creacionismo de Huidobro tivo significativo eco. Sobre todo, no poeta Manuel Antonio, que alá polos anos vinte do pasado século figurou como anovador da poesía galega. Foron as novedades do devandito movemento, do cubismo e do ultraísmo as que guiaron os seus pasos. Seguindo ós vangardistas, como o propio Huidobro ou Reverdy, dinamitou na poesía galega as pontes que levaban ó pasado. Pero reforzou as que levaban ó exterior. Decorreu o tempo. Aquelas actitudes removedoras que protagonizaron os ismos tiveron un papel evidentemente valedeiro na época. Na historia da literatura contemporánea quedaron rexistrados os nomes e a obra dos seus promotores. Parece axeitado recuperar a memoria do que a etapa do vangardismo significou nas letrase do arte. Mesmamente, ese foi o propósito da autora do libro que comentamos. En calquera caso, a figura de Vicente Huidobro, ben estudiada aquí, ofrécenos unha visión cabal da súa traxectoria literaria.