25 de Xullo

| PABLO GONZÁLEZ MARIÑAS |

OPINIÓN

DIN AS NOSAS xentes: «Pasou o día, pasou a romería». De sempre pensei que cando se dedica un Día a algo, é que ese algo está a morrer ou desfrocarse e, xa que logo, bótase de menos e trátase de recobrar na memoria que se esvae. Pode selo libro, o pai, a nai, o medio ambiente, as nosas letras ou mesmo a nosa patria. Sempre, unha morea de cousas ameazantes, a magoante presión do «ser é defenderse», sempre a peregrina idea de que o máis moderno e orixinal é desposuirse do propio e vestirse manseniñamente o uniforme de todas as presuntas modernidades. Sigo a pensar que orixinal ven de orixe. Que isto implica un compromiso e que aí radica o noso reto. Pensar que o orixinal pode ser novísimo. Formulalo, reformulalo se é o caso, valentemente. Abrilas fiestras, sentir e pensar. Todo menos aceptar que Galicia teña de ser un imposible, un laio amargo musicado de inacabable frustración. Pasou o Día, pasou a romería... ou, como cantou o poeta: «¡Camiño, camiño longo!, ti ¿cándo acabas?».