CONFIANZA

BENXAMÍN CASAL

OPINIÓN

Enron, Xerox, Global Crossing e Worldcom fabrican beneficios inexistentes. Motorola, Alcatel, Deutsche Bank, Fujitsu despiden a milleiros de traballadores. Os índices das Bolsas caen en picado. As stock options , o soldo de Botín, Gescartera... Fronte a ambición desatada por todas partes, os cidadáns non saben en qué confiar. Varios factores inflúen nesta degradación: o lucro máximo, esencia do sistema, tende a non respectar as normas legais, se se opoñen o seu trunfo, canto máis as éticas; a presión das Bolsas que queren beneficios e crecemento continuo; a oligolipolización dos sectores, mesmo das auditoras, que provoca a impunidade das empresas. Cando a sociedade capitalista aínda non acadara desenvolvemento, os propios mecanismos do mercado protexían ós inversores contra os abusos. Dende que comeza a producción en serie e desaparece a vella identificación entre empresa e empresario, proliferan as sociedades por accións e os titulares destas queren que alguén de fóra lles garanta a limpeza da xestión. Así nacen as auditoras. Pero hoxe, no chamado capitalismo popular, ¿en quen confiaremos? As últimas palabras de Bush en Wall Street non xeraron confianza. É lóxico que non o fixeran os chamamentos á ética dun home sospeitoso de conivencia cos directivos da Enron, nin vale de nada a súa proposta de creación dun órgano para perseguir ás empresas que manipulen a contabilidade se antes non se aplica un castigo exemplar ás que xa se sabe que o fixeron. Sabendo que as contas do 75% das sociedades que forman o Ibex 35 son auditadas por Arthur Andersen, que boa parte dos sectores económicos son oligopolios e que os mercados financeiros seguen a cotizar expectativas de beneficios, podemos temer máis enganos, mentres non se revisen en profundidade as bases dun mercado que pouco se parece a aquel no que confiaban os clásicos, e non se restableza a autoridade dos políticos elixidos sobre os axentes económicos que hoxe ninguén controla.