ISAAC DÍAZ PARDO
24 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Hoxe a moitos cataláns terá de lles parecer rara esa «Ñ» no nome da súa terra, que onde fica millor é na expresión ¡Coño! ¡Voltaron a meternos o «Ñ»! A exposición aberta no Museo do Pobo Galego co título Cataluña, terra de acollida é algo máis que significar a boa acollida que deu este pobo a máis de tres millóns de emigrantes, que incorporou á súa cultura formando hoxe unha comunidade de máis de seis millóns de seres nun territorio semellante en extensión a Galiza, cuns recursos naturais practicamente nulos comparados cos que temos nós na nosa terra. Teñen un nivel de vida que practicamente duplica ó de os poucos máis de dous millóns e medio que ten Galiza. ¿De onde sae este milagre catalán? Dun pobo que non quixo nin quer ser escravo nin lacazán, que ten orgullo de ser catalán e que non padece un chisco de racismo. A mostra nos transmite no seu conxunto a forza dun pobo exemplar. A maior parte dela está ocupada polo desenvolvemento industrial e, consecuentemente, da súa economía. Mais antes empeza por unha síntese da historia que padeceu e conformou a este país, que deixa ver, sen citalo, o centralismo carpetovetónico que tentou e tenta asoballar e asimilar ós pobos periféricos. Os Borbóns -non os que temos hoxe que beberon o sangue e a sabia deste ruedo ibérico- senón aqueles chegados da Francia que remataba de quedárselles ós cataláns co Rosellón. As derrotas do 1714 e do 1939 que lles prohibiron até a súa lingua non poideron eliminarlles a súa personalidade diferenciada, senón que elo os fixo medrar e adquirir máis forza. Xa cara ó final, a exposición mostra os saldos fiscais. Catalunya aporta ó Estado 6.569 millóns de euros, de xeito que se a media das rexións achega 100 euros por contribuínte os cataláns achegan 120 e receben 83. Agás Madrid, os paísos cataláns e a Rioja, tódalas demais comunidades son deficitarias. Galiza ten que perceber 1.700 millóns de euros do Estado para exugar o seu déficit. Por riba de Catalunya en aportación fiscal está a comunidade madrileña con 8.086 millóns de euros. Mais esta cantidade contributiva está formada por un dos moitos expolios que nos fai o Estado central. Aí están metidas grandes cantidades que pertencen a empresas que operan en Galiza, moitas sobre os nosos recursos naturais, e que coa súa cabeceira en Madrid liquidan alí os impostos. O PIB catalán era de 18 billóns de pesetas, máis que a maioría dos países europeus semellantes en poboación. Galiza tamén foi rica cando desenvolvía a súa personalidade como pobo diferenciado e chegaba até o Mondego. A pesar da destrucción do tempo, rexístranse aínda hoxe na Galiza lucensi 500 igresias románicas entre as que están cinco catedrais, unha delas a de Santiago. A riqueza que tiña Galiza nese tempo para facer un esforzo constructivo semellante é evidente. Mais todo se acabou cando Castela e León nos usurparon, encadeándoo até a súa morte, hai 1.029 anos ó derradeiro rei que tivemos, e nos deixaron abandoados durante nove séculos de expoliación, mentras a perda de independencia por Catalunya non chega a tres séculos. O tema é longo e hai que rematar hoxe.