MULLERES E POLÍTICAS PÚBLICAS

La Voz

OPINIÓN

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

15 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Este é o título dun seminario celebrado en Santiago, organizado por Galiza Sempre, que tiña por obxectivo a discusión dos proxectos políticos a favor da igualdade entre os xéneros, as repercusións que tiveron e teñen na representación das mulleres nos cargos onde se toman as decisións públicas, e como se poden ampliar e mellorar no futuro. O primeiro que merece un comentario é o propio título do seminario. Certo é que a simple imaxe de mulleres en postos públicos e de responsabilidade ten un valor simbólico e redunda na autoestima do resto das conxéneres, pero o que realmente contribúe ao avance do colectivo feminino na sociedade é que as mulleres que actúan politicamente teñan coñecementos e conciencia feminista. E nisto concordaron a maioría das asistentes. As mulleres, cómpre repetilo, non compartimos unha esencia. As nosas concepcións ideolóxicas e as nosas actuacións poden ser moi diversas. Do mesmo xeito que o feito de seren galegos os políticos non significa que fagan unha política favorable a Galiza, as mulleres poden tamén facer unha política desfavorable para o colectivo feminino. Ser muller non leva implícito a conciencia de selo. Hainas, e, tal vez, aínda máis en cargos de consideración, que evitan recoñecer a súa posición xenérica, que aspiran a distanciarse do resto das mulleres, e que atribúen a súa categoría aos seus propios méritos. Son mulleres que ignoran ou non consideran que para elas ocuparen ese lugar destacado foi necesario un pensamento e unha teoría feminista, así como un movemento incesante para ir conseguindo os avances socio-políticos que fixeron posible a súa dignidade. Daquela, as mulleres que acceden ao público deben ter presente todo o esforzo, tesón e sacrificio que teñen detrás e sentírense, dalgunha maneira, obrigadas a continualo. Na actualidade, mesmo se hai algunhas mulleres en lugares de prestixio, aínda a maioría están na base social, realizando os traballos de menor categoría e peor pagados, ou incluso escravos. Mesmo se legalmente non existen motivos para a desigualdade entre os xéneros, esta continúa existindo. As mulleres teñen moitas dificultades para ascender debido ao que se deu en chamar teito de cristal, unha limitación que non consta na lei pero que restrinxe na práctica. Teñen, pois, as políticas, unha enorme tarefa: levar a cabo unha política feminista. Isto non significa unha forma política deseñada para as mulleres, para os intereses exclusivos das mulleres, senón, máis ben, a persecución de metas e aspiracións feministas dentro dun contexto amplo de demandas. Ser feminista é estar en contra das formas de subordinación, e non só daquelas vinculadas ao xénero. Outro tema clave no debate foi a solidariedade entre mulleres. A situación das políticas é conflictiva porque a súa conciencia e honradez non sempre lles permite estar dacordo cos membros do propio partido. Comentaba nun artigo o outro día como as españolas conseguimos a cidadanía e o direito ao voto gracias ao esforzo e á conciencia feminista de Clara Campoamor que se encarou cos membros do se propio partido, socialista, de esquerdas. Pero a palabra solidariedade entre mulleres debe ser interpretada tamén desde o pensamento feminista. Non se trata da compaixón, da axuda caritativa entre víctimas. Non. Mª Xosé Agra explicouno citando á teórica Amelia Valcárcel: a solidariedade, para nós, non é unha virtude, é unha necesidade de supervivencia. Trátase dunha solidariedade intelixente, incluso interesada. Porque para as mulleres non hai salvación individual. A propia Amelia Valcárcel, afirma que construir a individualidade non é unha tarefa individual, senón colectiva. Cómpre sairmos do pozo da ignominia en colectivo. Confiemos en que as políticas procedan consecuentemente para logralo.