CIRCO E LITERATURA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

11 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos encontros de escritores que se celebran todos os anos na Casona de Verines, en Asturias, que coordinou Víctor García de la Concha ata que o elixiron director da Real Academia Española, nunha ocasión, un xoven novelista dixo que a obrigación dos profesores de literatura era converter as clases desa disciplina nun lugar de diversión, unha especie de «espacio circense ou lúdico», segundo as palabras exactas que empregou. Engadiu que mentres non se conseguise eso, a xente nova non se ía afeccionar á lectura, unha actividade que o mencionado escritor consideraba tan divertida como asistir ó cine ou ir ó fútbol. Eu pregunteille se lle parecería ben, por exemplo, pintar a dona Emilia Pardo Bazán bailando un pasodobre con don Benito Pérez Galdós, recrear a Valle-Inclán facendo o pino no medio dunha rúa ou imaxinar a Pío Baroja roubándolle a carteira a Unamuno. Respondeume que si, que lle parecía un método moi válido. Cando un di unha bobada tan grande como aquela que el acababa de dicir, vese obrigado a seguir cunha bobada aínda maior. Non recordo que eu estivese moi comprensivo con aquel mozo no debate que seguiu. Onte pola mañá, sen embargo, cando lin o periódico, pensei que el podía ter algo de razón. (Todo o mundo ten sempre algo de razón, aínda que sexa pouca). Digo esto porque no xornal viña a noticia de que dous escritores andiveron a labazadas no programa que Sánchez Dragó lle dedica ós libros nunha cadea de televisión. Trátase dun programa con moi pouca audiencia, pero que o próximo día 3, cando se emita a trafulca entre os contendentes, vai superar todas as expectativas. Ata se venderán máis libros. Para dedicarse ó boxeo, a min cólleme tarde.