CARLOS TAIBO DE COTÍO
09 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Nestes días a Unión Europea está, por razóns que saltan á vista, nos beizos de case todos. Entre tanto rebumbio non parece que quede sitio para enfrontar unha discusión que cada vez semella máis urxente: a de se o modelo da UE mostra ou non, en tódolos ámbitos relevantes, xenuínas e benignas singularidades en comparación con outros presuntamente competidores. Polo que fai agora, dous terreos son singularmente fecundos no que atinxe á avaliación que nos ocupa: o da condición das fórmulas económicas imperantes na UE e o da textura da política exterior desenvolvida por esta última. Desde moito tempo atrás é común afirmar que compre distinguir entre un modelo europeo de capitalismo -a miúdo chamado renano- e outro anglosaxón. Mentres o primeiro, máis social e vinculado cos Estados do benestar, imperaría na maioría dos membros da UE, o segundo, instalado na vulgata neoliberal, tería sentado os seus alicerces en EE.UU. e, ao menos desde a era thatcheriana, tamén no Reino Unido. As cousas como van, e en parte ao abeiro da uniformizadora lóxica da globalización en curso, os perfís correspondentes a eses dous modelos están a homologarse, de tal xeito que as diferencias doutrora parecen ter recuado en franco proveito, iso si, do segundo deles. O pulo neoliberal que agroma na filosofía inspiradora do tratado de Maastricht, e os traballos da propia Comisión Europea, están a rebaixar, e sensiblemente, a dimensión social que tantos identifican no capitalismo europeo, de tal forma que desde hai vinte anos asistimos a un franco retroceso deste último en proveito do seu competidor. Polo que se refire á política exterior, son moitos entre nós os que, un tanto supersticiosamente, entenden que tódolos males da diplomacia da UE se derivan da súa, polo demais evidente, submisión aos designios de Estados Unidos. Un ten dereito a alimentar, sen embargo, a sospeita de que unha política exterior da UE emancipada da tutela, dos caprichos e das imposicións de EE UU reflectiría de contado o seu escaso compromiso coa causa da xustiza, da igualdade e da solidariedade no planeta. Sería, antes ben, a demostración evidente de que o núcleo europeo do capitalismo internacional non é precisamente un paraíso de benignidade, algo que parece demostrar de maneira rotunda un feito: a relación de submisión que a UE mostra para con EE UU nin é pasaxeira -ten xa máis de medio século- nin é producto da causalidade.