SÓ TEMOS 70 ANOS COMO CIDADÁS

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN


Hai quen opina que é escasa a representación feminina no Goberno provisional de Afganistán, con só dúas mulleres formando parte do mesmo. Acostumamos esquecer o noso pasado recente. O Goberno da II República Española, no ano 1931, contaba só con dúas mulleres deputadas, Victoria Kent e Clara Campoamor. A esta última, avogada socialista e feminista, as mulleres debésmolle os artigos máis progresistas daquela Constitución e o dereito ó voto. Chega ó Parlamento cunha importante traxectoria en defensa dos dereitos das mulleres e como integrante de asociacións como a Federación Internacional de Mulleres Universitarias ou a Unión Republicana Feminina, fundada por ela mesma. Preside a Juventud Universitaria Femimina e funda, en 1930, a Liga Feminina Española pola Paz, integrada na Sociedade de Nacións. Como decidida republica e anticlerical, foi elixida nas listas do Partido Radical.Consciente de que se van suscitar asuntos fundamentais para a muller, solicita do seu partido ser designada para a comisión da Constitución. Logo comeza a súa decidida loita. O 1º de setembro de 1931 é a primeira vez que unha muller española toma a palabra na Cámara e é, xustamente, Clara Campoamor para responder ao crego Basilio Álvarez, lider agrario galego. «O seu verbo estalante nos pinales», en versos de Cabanillas, para incitar a loita agraria galega, convértese no Parlamento español en palabras apaixonadas e iracundas contra o artigo 41, relativo á igualdade de sexos, ao divorcio, aos direitos da descedencia ilexítima e a protección da infancia e a maternidade. Campoamor aproveita a súa resposta para dicir que os que, coma el, vesten roupa talar, non teñen direito a impor o seu criterio e vontade.Basilio Álvarez, para combater o dereito ao voto das mulleres e o divorcio, utilizou tamén os argumentos que Nóvoa Santos, deputado e insigne médico galego, esgrimiu na Cámara: «O histerismo non é unha enfermidade; é a propia estructura da muller», daquela, «facéndoa electora, dase o voto ao histerismo». Pero Campoamor non só tivo que enfrontarse aos indignados representantes eclesiásticos ou ás figuras máis reaccionarias. Contra o voto feminino estaban os parlamentarios de esquerda e os integrantes do seu propio partido, ao considerar que a muller española non estaba preparada para a cidadanía política. Ademais, dominada como estaba polo clericalismo e polos confesores, o seu voto, alegaban, poría en perigo a liberdade e a propia República.Abandonada polo seu propio partido, e incluso pola outra muller deputada, Victoria Kent, que adoptou o criterio do partido en contra do propio sexo, Campoamor tivo que empeñarse soa na defensa do voto das mulleres. Colocando o principio teórico en primeiro lugar fronte ás consideracións utilitaristas dos seus detractores, conseguiu convencer a bastantes representantes da Cámara e gañar a votación. A indignación dalgúns representantes do seu partido polo resultado levounos a propoñer unha enmenda para que as mulleres puidesen votar nas eleccións municipais pero non nas xerais. Campoamor debeu incidir nas súas argumentacións. O sufraxio feminino tivo que votarse unha vez máis o 1 de decembro de 1931 e saíu triunfante por 4 votos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

SÓ TEMOS 70 ANOS COMO CIDADÁS