XOSÉ CARLOS CANEIRO
05 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Decía Zenón que ao pronunciar a palabra «carro», un carro pasa pola nosa boca. Certo. Por iso cando escoitamos a voz da fama palpitando no televisor son centos, miles, as neuronas decapitadas no interior do noso cerebro. Esta columna é unha mensaxe de SOS. Espero que algún cómplice entenda o meu grito de socorro. Non podo soportalo. Estou a punto de perder a escasa cordura que me resta. Cada vez que alguén encende o televisor, na casa, asáltanme os conceptos horrísonos da actualidade: Ana Obregón, Belén Esteban, Finito de Córdoba e Arancha del Sol, Dinio, Tamara... e as protuberancias silicónicas de Yola Berrocal. Pido axuda. De calquera tipo: psiquiátrica, institucional, terapéutica. En vista de que en casa a televisión importa máis ca min, moitísimo máis, reclamo unha orde que prohíba a publicitación de tanto sensentido. As súas palabras en busca da felicidade son o carro de Zenón que me golpea: Al niño no lo saques, No hago declaraciones, Nos casaremos muy pronto. Teñan piedade deste escritor tan necesitado. ¿Hai alguén que se atreva a fundar comigo unha Asociación de Damnificados pola Fama e a Estupidez? Non deixen de escribirme. Gracias.