Á MARXE CARLOS CASARES
27 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Acabo de chegar a Almería, a única capital española de provincia que non coñecía. Vin ata aquí con José María Paz Gago, catedrático da Universidade da Coruña, para participarmos xuntos nunha Aula de Narrativa, e na que imos intervir nun ciclo titulado El novelista y el crítico. Por primeira vez en moitos meses, vexo un ceo azul e transparente, sen chuvia, e sinto calor, tanto que sobra a chaqueta, polo menos a chaqueta inglesa de la que trouxen eu. De momento, desde o aeroporto ata o hotel, non vin á penas nada, senón esas cousas que se ven en todas as cidades cando se chega. Primeiro, suburbios máis ou menos destartalados, a continuación talleres e almacéns, despois avenidas amplas e modernas, e por último a cidade vella. É nela onde estou. Cando eu era estudiante en Santiago, Almería pasaba por ser unha das cidades máis pobres e atrasadas de España. Daquela, era famoso o barrio de La Chanca, que xunto coas Hurdes pasaba por ser un dos símbolos da miseria hispánica daqueles tempos. Sobre este barrio escribiu Juan Goytisolo un libro sobrecolledor. Tamén escribiu un libro de viaxes sobre os campos pobres de Níjar, que eu lin con espanto. O avión que nos traía desde Madrid, un aparato de hélice, sobrevoou os citados campos de Níjar. Xa non son o deserto africano, cheo de pitas e chumbeiras, que describiu Goytisolo nos anos cincuenta. Agora, vistos desde o ceo, parecen un mar de plástico, xeométrico e gris, que contrasta co mar de auga, de color azul turquesa, irregular e situado entre montes pelados dunha beleza ascética e elemental, pero beleza. Polo menos para o meu particular gusto estético. Pero debaixo deses horribles plásticos que cobren a terra ocre da comarca, hai un mar oculto de color verde. Son os invernadoiros que converteron a Almería nunha das zonas máis fértiles de Europa. Aquí cultívanse flores, pementos, tomates, cogombros... Un canto verde e vexetal ó esforzo e á intelixencia humana.