GALEGOS ACCIDENTAIS E VOCACIONAIS

La Voz

OPINIÓN

EL PROBLEMA DEMOGRÁFICO XESÚS FRAGA, redactor de La Voz

19 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

A primeira vez que viaxei a Londres fíxeno no ventre de miña nai. Nos controles do aeroporto, unha policía examinou a aquela muller galega que chegaba a Inglaterra a ganarse a vida para comprobar que non estaba embarazada. Ou non o fixo coa suficiente atención ou eu souben agocharme moi ben. Nacín en Kensington uns meses despois. Pode parecer unha paradoxa, pero o goberno británico dedicou os seus esforzos ó benestar deste inglés accidental e vocacional. Unha asistente visitaba regularmente as casas dos emigrantes para segui-la evolución da saúde dos seus fillos. Daba consellos sobre a alimentación, a hixiene e outras facetas da maternidade. Levaba útiles necesarios e agasallos. Fun a un colexio público inglés, no que estudiaban fillos de galegos, de andaluces. Había xamaicanos, chineses, paquistanís. Eramos felices, ou eso creo lembrar. Poucos galegos nacen agora en Inglaterra e poucos nacen tamén en Galicia. Un pobo que non quere ter fillos é un pobo que perdeu a esperanza, di Ernesto Sábato en Antes del fin. De momento, os inmigrantes contribuíron en 1999 con 590 novos galegos, unha tendencia que de seguro se incrementará nos próximos anos. Nas enquisas, a maioría das mulleres en idade fértil non teñen intención de procrear. É certo que non se dan moitas das condicións idóneas para fundar familias. Non as tiñan tampouco os emigrantes galegos, pero dos fillos eran do que máis presumían cando regresaban para as festas. Na situación insostible na que chegan a nós moitos inmigrantes parece difícil que poidan pensar en ter fillos. Pero hai mulleres valentes que os traen en brazos ou no ventre. Aquí aínda non chegamos a sutilezas como as dos controles ingleses, e empréganse medios máis expeditivos, ademais da indiferencia case xeneralizada. Estes rapaces elixirán vivir connosco ou quizais retornen ás súas orixes. Verán unha Galicia diferente. Nos colexios, os dictados, os debuxos, os recreos, serán diferentes. Esta convivencia multirracial e cultural terá as súas dificultades, pero os froitos poden ser fermosos. Os galegos do futuro poden beneficiarse delo, mais debemos pensar en poñe-las bases necesarias. E ter fillos, claro.