ÁNXEL CASAL NA UNIVERSIDADE

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

19 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Un nome decisivo do discurso intelectual galego acaba de ser recuperado coa honra e coa magnitude debidas. Acontece 64 anos despois da súa morte: tráxica morte acaecida nunha cuneta das proximidades de Santiago, en Cacheiras, o 19 de agosto de 1936. Ese mesmo día era fusilado, en Víznar (Granada), Federico García Lorca, o autor dos Seis poemas galegos, editados e impresos por Ánxel Casal no seu obradoiro santiagués da Rúa do Vilar. Un hoxe licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, Ernesto Vázquez Souza, defendeu a semana pasada a súa tese de doutoramento na Universidade da Coruña. O tema non foi, como é habitual nos licenciados de Filoloxía, un escritor e si a vida e a obra -tan polifacética- de quen, dentro do galeguismo (1916-1936), foi, esencialmente, editor e impresor. Sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público (é dicir, publicado). De feito, a tese de Ernesto Vázquez Souza titúlase Ánxel Casal (1895-1936). Biografía no seu contexto cultural, político e empresarial. Pero o labor editorial de Ánxel Casal, no Santiago dos anos trinta, non só está no centro da actividade galeguista senón que é peza importante do discurso republicano galego, un discurso no que non escasean os manifestos, boletín e panfletos esquerdistas, marxistas algúns. No seu obradoiro imprimiuse a mellor literatura antifascista deses anos, expresión ben clara do frentepopulismo deste mártir da imprenta. O segundo volume da tese que reseñamos (600 folios) é unha rica e incitante colectánea de textos deste tipo, en non pequena parte nunca exhumados ou aducidos. Só por esta aportación, froito de moitos esforzos, esta tese de doutoramento é merecente dunha alta consideración, e así a valorou (cum laude) o tribunal que a xulgou o 13 do presente mes (Alonso Montero, Barreiro Fernández, Margarita Ledo, Méndez Ferrín e Luciano Rodríguez). Para certos estudiosos das letras galegas, do galeguismo e do republicanismo en Galicia xa hai un antes e un despois, sobre todo o día en que o señor Vázquez Souza peneire e matice non poucos xuízos emitidos nalgúns capítulos sobre persoas e conductas. Se o autor ten en conta algunhas das observacións feitas no acto académico do día 13, o libro que resulte da reescritura será unha peza moi útil e moi suxestiva para entende-la aqueloutrada historia no libro galego e o organigrama intelectual da Segunda República en Galicia, «aquel tempo de entusiasmo», que dixo Rafael Dieste. Tiña razón Castelao cando dixo: «Ánxel Casal fixo máis pola nosa cultura ca todos nós».