ISAAC DÍAZ PARDO. CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO
21 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Non cesan de saír documentos históricos, novelas, ensaios, películas, teatro... que tratan o tema do conflicto social, político, económico, e ata relixioso que fican nas raíces da Guerra Civil española, e non son os galegos os menos preocupados por este tema, estudiando, interpretando e maxinando o que aconteceu. Temos o recente libro de Alfaya en colaboración con Sartorios sobre La memoria insumisa, o de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro que saltou ao teatro e a unha manchea de idiomas, os de María Jesús Souto, e Alfonso Santos en tres libros sobre o conflicto en Lugo, Alberte Pena sobre Portugal aliado de Franco, o de Gómez Alén e V. Santidrián sobre o comportamento sindical, o de Marta Rey sobre a repercusión do conflicto en Norteamérica, tamén o de E. González López, Amada Ricón e S. Fandiño sobre Castelao como propagandista da República en Norteamérica, os de Luis Lamela documentando aos responsables do conflicto. E ultimamente rematan de saír do prelo tres grosos tomos de Carlos Fernández Santander, un sobre Casares Quiroga e os outros dous sobre o Alzamiento y Guerra Civil en Galicia, nos que semella se esgota o tema do noso arduo conflicto.Hai 20 anos, Carlos Fernández Santander ofreceunos a primeira versión sobre a Guerra Civil en Galiza, era ao primeiro libro que descubría o que pasara na nosa terra naqueles fatídicos tres anos de guerra civil. Todavía temiamos que aquelo nos crease un problema por empezar a falar e escribir dun tema que levaba máis de 40 anos prohibido. Mais o tema era tan evidente que non pasou de esgotarse a edición rapidamente e de ter que facer catro ou cinco máis. Logo fómonos enterando de quen era Carlos Fernández e a importantísima información bibliográfica coa que se fixera, posiblemente a máis importante que hai en Galiza sobre este específico tema. Carlos Fernández é un singular historiador, aínda que non é o único. Os seus estudios foran por outros temas relacionados coa marina, pero foi pesando máis nel o estudio dos temas do noso tempo que estaban sen recoller ou prohibidos. Pertence a esa rara crase de historiadores que non se facían nas facultades, e non sei se aínda se farán, pois que o académico é falar dun pasado cando a historia xa non ten ese poder condicionante para que os homes podamos ser mellores e sobre todo máis sinceiros.Sabemos dalgunha institución adicada ao estudio da historia á que que lle estivo prohibido escribir sobre a propia historia, pois se a contaban non pasaba de ser unha historia da delincuencia e do expolio ao que é capaz o home.Mais, o tema das consecuencias da Guerra Civil vai seguir, pois canto máis se traballa nel máis lonxe se ven as posibilidades de abranguelo. Non ben remataran en Colliuori os dazaseis congresos 60 anos despois sobre o exilio republicano empezouse a ver que só algo do exilio literario e artístico estaba estudiado e así remátase de crear unha Biblioteca del Exilio cun consello editorial formado por Aznar Soler, polo grupo da Autónoma de Barcelona, o editor José Esteban, Abelardo Linares da editorial Renacimento, e máis eu por Edicións do Castro. Ten un programa moi amplo e agardamos podela presentar en novembro con catro títulos: Juan Rejano, Juan Chabás, Lorenzo Varela e Esteban Salazar Chapela; aínda que vai partir con polígrafos o certo é que fíxose propósitos de que os exiliados que hai que estudiar son tamén os políticos, os científicos, os técnicos, os universitarios, os empresarios; tódolos que padeceron o desterro por causa da Guerra Civil. Xa se lle ten pedido a Carlos Fernández Santander un traballo sobre os exiliados galegos, que ten que ser o primeiro que se faga en España con este carácter xeral.