A comisión executiva da RAG di que non avalou a proposta de Filgueira

A. L. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O presidente da academia e outros catro membros responsabilizan ao plenario da elección, ainda que asumen «como propia» a decisión

11 jul 2014 . Actualizado a las 13:57 h.

Ningún membro da comisión executiva da Real Academia Galega (RAG) avalou, «nin por escrito nin no debate que se realizou no plenario», a proposta de Xosé Fernando Filgueira Valverde como figura dedicataria do Día das Letras Galegas 2015. Así o puxo de manifesto onte a devandita comisión, que se reuniu na sede da RAG en A Coruña ante as reaccións xurdidas co gallo da elección do escritor pontevedrés. Nun comunicado feito público sinala que a elección da figura dedicataria do Día das Letras Galegas corresponde ao plenario. «O que non obsta, evidentemente, para que, unha vez decidido polo Plenario dedicarlle o Día das Letras Galegas 2015 a esta importante personalidade das nosas letras, a Comisión Executiva da RAG asuma como propia a decisión», engade.

A comisión está integrada polo presidente da academia, Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo Andión (arquivera-bibliotecaria), Rosario Álvarez Blanco (tesoureira), Xosé Henrique Monteagudo Moreno (secretario) e Andrés Torres Queiruga (vicesecretario).

Para o Día das Letras Galegas 2015 foron presentadas ao plenario as propostas de Xela Arias Castaño (polos académicos Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo Vázquez e Antón Santamarina); Ricardo Carballo Calero (por Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Euloxio Rodríguez Ruibal); Celestino Fernández de la Vega (por Rosario Álvarez Blanco, Andrés Fernández-Albalat Lois e Andrés Torres Queiruga); Manuel María Fernández Teixeiro (por Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Xosé Luís Regueira Fernández e Margarita Ledo Andión), e Xosé Fernando Filgueira Valverde (por Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Pegerto Saavedra Fernández e Ramón Villares Paz).

Para seren consideradas por parte do plenario, as propostas deben ir avaladas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos. «Esas propostas sempre foron obxecto de debate e decididas mediante votación no Plenario inmediatamente posterior á celebración do Día das Letras Galegas», sinala a executiva da RAG.

Tras sucesivas votacións no plenario, as propostas que chegaron á última votación foron as de Celestino Fernández de la Vega e Xosé Fernando Filgueira Valverde, resultando elixido este último.

«Como se deduce do devandito, a Comisión Executiva da RAG non tivo máis papel na elección da figura para as Letras Galegas 2015 cá que sinala o Regulamento de Réxime Interno da RAG, isto é, dar trámite ao Plenario das propostas recibidas», insiste o comunicado.

A elección de Filgueira recibiu duras críticas desde diversos sectores, que rexeitan a súa vinculación ao franquismo como alcalde de Pontevedra durante a ditadura. O rexidor da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), calificou de «improcedente» a decisión da RAG.

Por outra banda, o presidente da Xunta rexeitou onte a polémica sobre a elección de Filgueira Valverde coma persoeiro do Día das Letras Galegas 2015, segundo informa a redacción de La Voz en Santiago. En rolda de prensa tras a reunión semanal do seu Goberno, Alberto Núñez Feijoo instou a «respectar sempre» a decisión da Real Academia Galega neste ámbito, porque é a «soberana para elixir a quen considere oportuno». A preguntas dos medios, indirectamente, o mandatario popular tamén cargou contra as críticas de Anova á RAG. «A lingua -espetou- non ten ideoloxías, é de todos. De divisións estamos cheos».