Morre Maxín Picallo, un dos últimos alumnos vivos de Francisco Asorey

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

OBITUARIOS

O escultor Maxín Picallo
O escultor Maxín Picallo MARTIÑO PICALLO

Natural de Cuntis, está considerado un dos mellores escultores figurativos galegos

29 sep 2026 . Actualizado a las 16:30 h.

Este pasado luns, 28 de setembro, faleceu o escultor Maxín Xulio Picallo Durán, un dos últimos alumnos vivos que quedaba de Francisco Asorey. Nacido en 1940 no lugar do Santo Ildefonso, na parroquia cuntiense de Santa María de Troáns, onde pasou a infancia e parte da mocidade xunto cos seus pais e os seus tres irmáns. «Por ser fillo de casa humilde, todo auguraba que o seu futuro se ía encarreirar cara ao oficio de albanel, mais a destreza no debuxo e na talla da madeira coa navalla fixo que un seu profesor, Xosé Losada, animase aos seus pais para que ingresase na Escola de Artes e Oficios de Santiago», precisaron dende a súa familia, de tal xeito que trasladada a súa vida á capital galega en 1956 comezou a recibir clases de profesores tan reputados como Francisco Asorey, Felipe Criado e Fernando Barral, dos que «aprendería distintas materias e técnicas, aínda que conxeniaría de forma especial con este último. Asorey apréndelle a trallar a pedra de grao; Barral, o mármore», engadiron.

Rematados os estudos e o servizo militar, instálaouse en Goián (Tomiño) onde fora contratado polo escultor Xoán Piñeiro Nogueira, daquela con obradoiro nese concello pontevedrés. Foi aí onde coñeceu a súa futura muller, Delva Asensio, con quen terá tres fillos, Delva, Maxín e Cecilia, e destes dous últimos virán as netas, Lea e Daría..., precisou a súa famila lembrando que será nese municipio do Baixo Miño onde «compartirá faladoiro con outros artistas e amizades de aquén e alén da raia, nomeadamente e entre outros, cos pintores Antonio Fernández e Xavier Pousa, co escultor Xosé Antúnez Pousa, co escritor Eliseo Alonso e o boticario Ignacio Troncoso...», entre outros.

«Traballador incansable, paseniño despunta polo seu oficio, o seu carácter e a súa bonhomía. Tanto é así que o bo facer levouno a terras valencianas, onde residirá dende 1978 e ao longo da década dos oitenta. Non son poucas as obras que realiza nese territorio, dende a restauración da fachada de igrexa de Biar (Alacant) até o Monument als Geladors (Ibi)», mentres que en Galicia destacan grandes pezas escultóricas como: A fonte das Nereidas (O Rosal), A fonte dos cabalos (obra inconclusa para o mosteiro de Oia), Domitila (Museo Provincial de Lugo), A Familia (Tui), Nacemento do Río Miño (localizado na lagoa de Fonmiñá, na Pastoriza); e os monumentos á muller labrega, aos canteiros, ao mariñeiro e ao emigrante, e a Manuel Cabada Vázquez, situados en Forcarei, Cuntis, Moaña e A Estrada, respectivamente.

Neste eido, «non podemos esquecer tanto a peza titulada Breogán (caudillo celta), localizada na subida ao castro de Santa Trega (A Guarda); como o enorme conxunto titulado Encontro entre dous mundos (Baiona), onde as figuras que representan as culturas precolombinas teñen protagonismo cás procedentes do continente europeo», ao tempo que outros «moitos centos de obras esparéxense por varios de concellos galegos, polo País Valencià (Ibi, Benidorm, Elx, Biar, Náquera...), pero tamén por Arxentina, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia, México, Puerto Rico, Reino Unido, Rusia e Suíza, así como «certa obra adquirida outrora polo Instituto de Cultura Hispánica de Chile había desaparecer após o golpe de estado de Augusto Pinochet», advirte a familia de Maxín Xulio Picallo.

Últimos anos

O escultor de Cuntis pasou os últimos anos da súa vida no seu estudo de Tomiño, onde «seguiu facendo bailar a pedra como sempre soubo, continuou na modelaxe do barro -introducindo os dedos na terra inerte para rescatar vida-, non se esqueceu de bosquexar figuras alongadas sobre o papel -en recordo de El Greco, artista que tanto admirou-, ao tempo que se iniciaba na pintura ao óleo e ao acrílico». A chegada das novas tecnoloxías, así como os programas de retoque fotográfico e o exercicio dunha afección tardía, pero que quizais sempre estivo latente: a escrita, marcaron esta época.

De feito, «antes de coller as maletas rumbo á súa última viaxe, deixou plasmada sobre papel impreso unha experiencia que realmente o impactou. De Roncesvalles a Santiago de Compostela: un escultor en el camino (2022) é o resultado de observar a paisaxe do itinerario xacobeo, o seu patrimonio, as persoas que buscan (e talvez atopan), as reflexións sobre a vida, a man que axuda ao descoñecido, as compañas de camiño que logo trocan en amizades...». A esto sumouse o feito de que este verán saíu do prelo a súa autobiografía, onde en máis de catrocentas páxinas deixa plasmadas boa parte das súas experiencias vitais e profesionais.

A familia do cuntiense subliña que Picallo Escultor: autobiografía de Maxín Xulio Picallo Durán (2026) documenta, tamén, «a maior parte da súa obra plástica. O libro vai prologado por Felipe-Senén López, secretario da Real Academia de Belas Artes, e conta cun epílogo de Ángeles Tilve Jar, directora do Museo Provincial de Pontevedra».

Este 28 de setembro de 2026, «deixounos un dos mellores escultores figurativos galegos, sensible coa muller, coas nais, coas persoas que pasan fame ou sofren lonxe do fogar, cos emigrantes (inmigrantes!), co ser humano... Velaquí nos queda o trazo e o ronsel humanista dun mestre do punteiro e a maceta», concluiron precisando que a cerimonia terá lugar na igrexa parroquial de Goián (Tomiño) este mércores ás 17.00 horas.