Dende a Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido queremos expresar publicamente o noso máis fondo pesar polo falecemento do noso querido amigo “Luis de Picos”, un home bo, xeneroso e sempre disposto a tender a man.
Luis non foi só un amigo máis, foi deses homes que deixan pegada, dos que están sen facer ruído, traballando e axudando en silencio polo ben común a moitas das asociacións do Val. En cada festa, en cada actividade, en cada celebración organizada pola nosa asociación, alí estaba el, ofrecendo a súa axuda de maneira totalmente desinteresada, sen pedir nada a cambio, sempre cun sorriso e unha palabra amable.
A súa colaboración constante e a súa disposición infinita fixeron posible que moitos dos nosos encontros fosen un éxito. Pero máis alá do seu traballo, quedamos coa súa humanidade e coa súa cercanía.
Hoxe o Val perde a un bo home, nós perdemos a un amigo. A súa dispoñibilidade para axudar en todo o preciso quedará para sempre na memoria da nosa asociación e no corazón de todos os que tivemos a sorte de compartir momentos con el.
Desde a A.V. San Sebastián de Carballido enviamos todo o noso agarimo e apoio á súa familia e seres queridos nestes momentos de dor.
Descansa en paz, Luis. Os de Carballido non te esqueceremos.