Xesús Alonso Montero, o galego de Lugo que creou escola na beira do Miño

X. M. Palacios / S. Varela LUGO / LA VOZ

OBITUARIOS

O catedrático deu clases en Maxisterio e no Instituto Masculino, pero a súa pegada chegou máis alá das aulas

12 feb 2026 . Actualizado a las 17:49 h.

Xesús Alonso Montero, falecido este xoves en Vigo aos 97 anos de idade, chegou a Lugo en 1960. Daquela xa tiña unha formación e unha traxectoria, pois veu á cidade como profesor. A Escola de Maxisterio (hoxe Facultade de Formación do Profesorado) e o Instituto Masculino (hoxe IES Lucus Augusti) foron os seus destinos profesionais, aínda que o segundo acabou durando máis anos ca o primeiro. Instalouse en Lugo para ensinar, e deixou abondos froitos do seu labor docente, pero tamén aprendeu nos seus anos lucenses. Tan intensa foi esa experiencia que chegou a dicir, nunha entrevista en La Voz de Galicia, cal era a súa relación coa cidade: «Síntome galego de Lugo», afirmou.

En Lugo, por exemplo, foi onde se afiliou ao Partido Comunista de España. A adhesión concretouse no Café do Centro, presente tamén na súa vida en Lugo polos bailes de fin de ano, e pouco tardou en comezar a mandar crónicas a Radio España Independiente, emisora do PCE que era coñecida popularmente como Radio Pirenaica. Preto do Café do Centro, do outro lado da Praza Maior, está o Círculo das Artes, escenario, en 1963, dunha exposición que se cadra non se entendería moi ben en pleno franquismo. Detrás da mostra que lembraba os cen anos da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, estaba a man do profesor, a quen nesa iniciativa axudaron un compañeiro profesor de ensino medio, Epifanio Ramos de Castro, e un presidente do Círculo con sensibilidade cultural, Ramón Varela.

Tampouco quedaba lonxe do Café do Centro o Hotel Méndez Núñez, cuxo café acollía faladoiros nos que o rexeitamento ao franquismo era un dos trazos comúns. Anos despois, lembrando ese ambiente, dixo que aquelas xuntanzas eran coñecidas como La tertulia de los desafectos, precisamemte porque a antipatía polo réxime era común a todos. 

Como profesor, por outra banda, o traballo de Xesús Alonso Montero chegou máis alá da Escola de Maxisterio ou do Instituto Masculino e do que correspondía ao campo da Lingua e da Literatura Española. Algúns dos alumnos acabaron collendo un camiño que os levou directamente ao mundo da literatura galega, así na creación coma na crítica literaria (Claudio Rodríguez Fer, Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade Paredes ou Fiz Vergara Vilariño); outros acadaron xusta sona no xornalismo (Fernando Ónega ou Fernando Salgado). Porén, o seu labor como conferenciante ou como articulista serviu para achegar fóra das aulas temas da cultura galega. Neses anos en Lugo viaxou varias veces a Mondoñedo na procura de datos sobre o poeta Manuel Leiras Pulpeiro, de quen prepararía máis adiante unha edición da súa obra completa.

Se o seu amor á cidade se reflectiu dicindo que se sentía galego de Lugo, pódese dicir que foi un sentimento correspondido. De Lugo marchou, desterrado nos derradeiros anos do franquismo, a Montilla (Córdoba), e logo trasladouse a Vigo, onde viviu o resto da súa vida. Porén, a súa pegada non se borrou. En abril do 2024 foi homenaxeado no IES Lucus Augusti, en lembranza do seu labor docente. En novembro do 2025 recibiu o título de fillo adoptivo da cidade, decisión que se tomou no pleno co apoio do PSOE e do PP. Un longo aplauso soou no Vello Cárcere, escenario dese acto, ao remate da súa intervención, na que tamén se distinguiu, a título póstumo, ao alcalde republicano Rafael de Vega.

Condolencias do Concello

O Concello de Lugo amosou este xoves o seu pesar pola morte do profesor Alonso Montero, lembrado os seus fortes vencellos coa cidade e asumindo o compromiso de manter a súa memoria como «parte inseparable da historia cultural de Lugo». Para o Concello, o pasamento de Xesús Alonso Montero supón a persa dunha das principais figuras do pensamento galego contemporáneo.