Adeus a Rosa Núñez, a muller que impulsou a festa da Pepa Loba en O Carballiño

La Voz

OBITUARIOS

Rosa Núñez diante da Adega de Flores, nunha imaxe de arquivo
Rosa Núñez diante da Adega de Flores, nunha imaxe de arquivo MIGUEL VILLAR

Defensora do barrio de Flores, onde finou, foi tamén a promotora da feira de artesanía e unha activa dinamizadora cultural

18 ene 2023 . Actualizado a las 19:38 h.

Na súa casa do barrio de Flores, o mesmo co que sempre se identificou e do que foi unha das máximas defensoras e dinamizadoras, finaba este mércores Rosa Núñez Muñoz aos 82 anos. Hai tempo que a saúde non axudaba e mesmo na última edición da Pepa Loba, en setembro, a comitiva da recreación das andanzas da bandoleira paraba diante da súa casa para que Rosa saíse ao balcón a saudalos, protexida pola súa máscara. 

Foi de sempre unha persoa implicada nos movementos cidadáns. Dos tempos históricos da Agrupación Cultural Avantar á creación da Asociación de Artesáns do Carballiño, da que foi a primeira presidenta. Implicada en todo o que podía ou no que se lle pedía colaboración, Rosa Núñez o mesmo organizaba un desfile de moda -sempre coa premisa básica por diante: eu son costureira como as de toda a vida, non deseñadora, dicía-, que colaboraba co Festival de Teatro Galego, impartía unha conferencia sobre a historia do traxe galego ou coordinaba unha mesa redonda sobre unha intervención artística que suscitaba polémica. Ata andivo enguedellada en política de xeito esporádico, nun tempo no que se tentaba darlle pulo de novo ao Partido Galeguista.

Defensora rexa do barrio que deu orixe a O Carballiño, Rosa Núñez foi promotora de moitas das iniciativas que alí se densenvolveron e sempre reivindicou o apoio institucional para revitalizar Flores. A organización de actividades vencelladas ao ciclo festivo anual, como a noite de San Xoán, ou a Feira de Artesanía polas rúas do mesmo son algunhas das propostas nas que se significou. A súa figura estaba vencellada de xeito preferente á festa da Pepa Loba, ao ser a promotora dunha cita que naceu para lembrar os tempos nos que seica a bandoleira galega se deixaba perder polo barrio e polas súas tabernas de cando en vez para fuxir dos seus perseguidores. Viúva do que fóra un dos traballadores históricos do Concello do Carballiño, Antonio Quintas Rodríguez, tiña dúas fillas: Maida -dona da Adegas de Flores- e Ari Quintas Núñez -deseñadora gráfica, autora entre outros dos últimos carteis da Festa do Polbo do Carballiño-.

O funeral por Rosa Núñez será este xoves, día 19, na igrexa da Veracruz (16.00 horas).