Eduardo Coma, compañeiro, amigo...

Santiago Fernández, director de Casahamlet

OBITUARIOS

Eduardo Coma y Santiago Fernández durante el espectáculo «Eu fun feliz, agora seino»
Eduardo Coma y Santiago Fernández durante el espectáculo «Eu fun feliz, agora seino» Cedida

O violinista finou este mércoles tras pasar dúas semanas ingresado na uci tras sufrir unha parada cardiorrespiratoria

10 nov 2022 . Actualizado a las 14:03 h.

Era complicado non quererte, difícil non rendirse á túa xenerosa humanidade. Coñecinte hai tres anos; apareciches por Studio XXI para que che impartira un curso de dobraxe. Posuías unha voz nobre, viril, rotunda… tinguida coa doce música da túa terra cubana. Suprimiches con pouco esforzo ese seseo tan caribeño e me dixeches: maestro, ya sé decir bien princesa. Os teus compañeiros escacharon de risa, eras así. Ríaste de ti mesmo e contaxiabásnos coa túa desbordante bonomía.

Fixémonos amigos e soñamos proxectos compartidos…montamos o espectáculo, precioso e distinto, Eu fun feliz, agora seino con textos de Carvallo Calero…dábaslle luz multicolor as verbas de Don Ricardo, e a miña voz de actor encontraba ecos ocultos cando o teu violino me invitaba a viaxar por sentimentos que descoñecía. Era un asombro escoitar como ese instrumento, nos teus sensibles dedos, desgranaba todas as emocións posibles nun ser humano…choraba, ría, sublimaba,soñaba…todo iso e moito máis estaba naquela caixa de resonacias, que ti mimabas como un naipelo, e na túa alma de músico poeta.

Xela Arias foi o noso seguinte proxecto, e Velai tes a estúpida batalla confirmáronme o que xa certificara…que todo o que salía do teu violino e da túa arte, melloraba o mundo e aos que tivemos a sorte e honra de traballar contigo. Si, amigo Eduardo, ti facias que a xente que te coñecía fose mellor, mais bondadosa, e máiis sensible. Estabas aquí, na Galicia que te acolleu como un fillo máis, e estaba na túa Cuba, nesa terra que levabas no corazón. A túa nai e os teus irmáns gozaban da túa xenerosidade e amor, e eras feliz cando me contabas como a túa nai, coa que falabas case todolos día, agora moraba nunha casa máis bonita. Aínda lembro cando nos conectaches con ela por video conferencia nunha cea de amigos, e a desbordante alegría dela ao verte tan feliz connosco.

Por onde pasabas ías repartindo adeuses e sorrisos; eras un máis da familia, desa familia xunguida polo amor á arte e á vida.

Deiche a última aperta hai apenas vinte días. Estabas, como sempre, con amigos e coa túa inseparable e fidel Rita. Voute botar moito de menos, moito.