Despedida a Juan Amador Ageitos, un home de mar de Porto do Son retirado á forza

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

OBITUARIOS

Juan Amador Ageitos, junto a su embarcación en una imagen tomada hace varios años
Juan Amador Ageitos, junto a su embarcación en una imagen tomada hace varios años

Faleceu aos 81 anos e mantívose en activo ata despois de cumprir os 70

16 ago 2022 . Actualizado a las 19:29 h.

Relata o mariñeiro Rogelio Santos, que seu tío Juan Amador Ageitos, Amado para os achegados, tívose que retirar á forza do mar con máis de 70 anos porque «na capitanía non querían despacharlle o barco». Non volveu navegar nin para a práctica da pesca deportiva e cambiou os trasmallos e os miños por unha cana para ir por terra. Hai dez días, xa coa enfermidade que o pasado luns o apartou dos seus seres queridos moi avanzada, aínda foi quen de coller un par de polbos nas rochas da súa praia de Queiruga cos que chegou todo satisfeito a casa.

Amado era un home de mar que coñecía en profundidade o seu oficio e sabía respectar os froitos que proporciona. Traballador e constante, Rogelio Santos subliña que era moi bo no seu oficio e que capturaba todo tipo de especies. A lonxa de Ribeira sempre foi o lugar no que se subastaron as súas capturas.

Coa súa compañeira de fatigas e alegrías, Manuela Santos Calo, tivo dez fillos aos que soubo transmitirlles a súa paixón polo traballo no mar. De feito, catro homes e unha muller están vinculados directamente a esta actividade. Agustín e Beatriz, en concreto, pertencen ao corpo superior de vixilancia aduaneira, mentres que Juan José, José Ángel e Iván son mariñeiros.

Persoa de trato a afable e moi enérxica, iniciou a súa andaina como pescador cun bote de madeira. Hai xa moitos anos que tiña unha planeadora, chamada Niñita, coa que foi faenar ata que non quedou outra que retirarse.

Na casa tamén había terras de labor, das que afirman os seus achegados que Amado fuxiu ata que se xubilou, cando empezou a dedicarse a estes labores.

Carácter sociable

Indica seu sobriño Rogelio Santos o carácter sociable de Amado e a súa vocación por transmitir sempre o respecto pola actividade pesqueira. Afirma que iso facía que fora unha persoa moi querida, ao igual que os seus fillos.

Deixando un fondo pesar, os seus achegados tributáronlle a última despedida a Juan Amador Ageitos Sampedro. Falecido o pasado luns aos 81 anos de idade, os seus restos mortais foron velados no tanatorio de Porto do Son.

Ás catro e media da tarde, a comitiva partiu con destino á igrexa parroquial de San Esteban de Queiruga, onde se oficiaron os funerais e tivo lugar o enterro.