Un ramo de flores da nena bonita do Souto para Enrique Rois Castro

Miguel Cabana
Miguel Cabana LUGO / LA VOZ

OBITUARIOS

Enrique Rois Castro, en una comida familiar
Enrique Rois Castro, en una comida familiar CEDIDA

Este venres celébrase a misa de velatorio na capela do tanatorio Serfuja de As Gándaras

22 abr 2022 . Actualizado a las 20:00 h.

Foise Enrique. Elixiu un día frío de primavera para a súa viaxe pero foise rodeado de calor. A calor da súa familia grande e numerosa, que el tanto quería e da que se sentía tan orgulloso.

Partiu coa serenidade e aplomo que cultivou ao longo de toda a súa vida, dende os seus inicios de emigrante no País Vasco ata o seu regreso á súa querida cidade, ao seu barrio das Gándaras, que hoxe amenceu máis triste.

Aí comezou Enrique o seu oficio de fontaneiro e, codo a codo cos sus irmáns, construiu unha saga de profesionais que aínda dura hoxe. E tamén aí, no barrio das Gándaras labrou un apelido de prestixio, de solera e xente boa. De xente querida: o apelido Rois.

Enrique foi toda a súa vida un traballador infatigable. Un tipo duro que sacrificou todo polo benestar da súa familia. A súa paixón era velos xuntos, arredor dunha mesa, felices… e así foi sempre.

Enrique déixanos a súa historia, a dun home bo e respectado. E déixanos tamén unha familia que o chora pero que segue unida para preservar o seu legado. Para que ningúen esqueza que aquí, no Camiño do Souto viviu un home bo.

Ainhoa é a filla do seu sobriño Fernando. E era a nena bonita de Enrique. Así llo dicía cada vez que estaban xuntos. E hoxe Ainhoa quixo deixarlle un recado ó seu tío Enrique, unha mensaxe que expresa ese amor recíproco que se profesaban. Por iso Enrique ten ao seu carón un ramo de flores que di: A nena bonita do Souto…

Este ramo acompañará  a Enrique mañá sábado 23 ata o cemiterio da parroquia de Albeiros onde recibirá sepultura. Antes, ás 12 h da mañá celebrarase unha misa na igrexa parroquial de San Lorenzo de Albeiros.

Hoxe venres, ás 20 h celebrarase a misa de velatorio na capela do tanatorio  das Gándaras SERFUJA, Sala nº3.