Derradeira carta a Andrés Mariño

unai gonzález

OBITUARIOS

Andrés Mariño, no centro coa camiseta do Dépor, cun grupo de amigos
Andrés Mariño, no centro coa camiseta do Dépor, cun grupo de amigos cedida

O veciño de Aguiño faleceu aos 42 anos

11 abr 2022 . Actualizado a las 20:04 h.

Amigo Andrés. Cando tiña tres anos camiñaba dende a casa de Pepita de García á de Carmen a Richa para saltar sobre ti e roubarte o chupete. Desa forma foi como entre nós se forxou unha amizade que durou toda a infancia e parte da adolescencia até hoxe, onde a túa casa era a miña e creamos mil soños dando forma á maxia do maxín e da inocencia. Monicreques, cabanas, tendas, fortes, fogueiras de San Xoán, clubs secretos, paseos a pé ou en bicicleta, filatelia, baile galego, indios e vaqueiros, circo, praia, fútbol, domingos de misa, de lambetadas e de pesca con liñó detrás do molle do Aguiño que nos viu medrar; entre familia e amigos fixemos e tivemos todos os entretementos que os rapaces poden crear para ser felices.

O Dépor consolidou a nosa amizade con triunfos que sentíamos nosos e despois o Súper Dépor con partidos en Riazor, cervexas e saír na Coruña. Tamén os amores e desamores adolescentes, as festas do pobo, a marcha en Ribeira... E cada un tomou o seu rumbo, un na Coruña e outro en Santiago, pero sen deixar de estar aí, xuntándonos aquí nos regresos e compartindo instantes con amigos como Alex ou Pepus.

Participaches da miña voda, do nacemento do meu fillo e estiveches nos instantes en que o precisei. Tal vez non souben estar eu todo o que ti me necesitaches, ou quizais si. Non sei se eu o suficiente, pero ti en min sempre estiveches presente. Despois dun tempo sen saber de ti, xurdiume a necesidade de convidarte novamente a coñecer a miña casa. Non sabía que desta volta a razón da negativa ía ser un golpe seco e mesquiño sobre as entrañas do meu ser, o de que era xa imposible, que non sucedería xamais. E quedei mudo, co corazón en anacos, o cerebro confuso, o recordo nubro, sen saber que facer nin que dicir.

Amigo, irmán de leite, por que deixamos esvarar o tempo sen facer o que queremos? Por que deixamos murchar a vida escusando cumprir co máis importante? Porque somos humanos, fráxiles, porque amamos. Todo sería máis doado se en lugar dun corazón houbese area no peito, así non choraría a túa perda irreparable, a túa marcha inxusta, a túa ausencia insoportable. Aínda que se este sentimento fose area, unha praia de dor e de carraxe asolagaría esta existencia e non tería vivido contigo momentos tan felices, intres memorables, esa amizade única vinculada ao teu existir terreal, pero que transcenderá á realidade paralela que agora habitas, a inexplicable, a descoñecida, a verdadeira, a pura e atoparasme alí, camiñando cara a ti para apertarche forte como facía de cativo co pretexto de roubarche o chupete.

Quérote amigo, quíxente sempre! Bicos no papo, bicos ao ceo.