Adeus a Pepe do Toco, o panadeiro de Carral

Os Carralexos CARRAL

OBITUARIOS

Traballador incansable, José Manuel Insua Bocija, Pepe do Toco, foi un dos impulsores da asociación de panadeiros e da Festa do Pan de Carral. No tempo libre que lle quedaba, gostáballe saír a cazar.
Traballador incansable, José Manuel Insua Bocija, Pepe do Toco, foi un dos impulsores da asociación de panadeiros e da Festa do Pan de Carral. No tempo libre que lle quedaba, gostáballe saír a cazar.

José Manuel Insua Bocija, de Panadería Insua, finou o domingo ós 73 anos 

17 mar 2022 . Actualizado a las 11:24 h.

Ser nomeado como o panadeiro de Carral ten mérito nun pobo como o noso, no que este produto forma parte do noso ADN, do noso pasado, presente e futuro. Pero o certo é que Pepe Insua ou, como todos o coñeciamos, Pepe do Toco ten este alcume máis que merecido. Este sobrenome acompañouno non só en Carral, senón tamén máis aló dos lindes do noso municipio, en lugares como A Xira (Sigrás), onde non perdoaba, nin un só domingo, a tapa de estufado en Casa Germán. A súa fama e bo facer nos fornos precedíano tamén en lugares como Mesía ou Alvedro, onde adoitaba facer o reparto do seu produto estrela.

Pepe do Toco era un home incombustible que sempre quitaba tempo para todo e para todo o mundo. Foi un traballador incansable que se erguía, día a día, ás catro da mañá para ir á que era a súa segunda casa: o seu forno de pan. Polas tardes, era habitual velo preparando a leña para o forno, así como no seu muíño do casal. A súa paixón pola panadaría non era, nin moito menos, a única. Combinábaa, con mestría, coa caza, outro dos seus grandes pasatempos. O seu soño era, precisamente, non ter ocupacións para poder viaxar dous ou tres días a Castela e desfrutar deste deporte ao 100 %.

As horas do día nunca eran suficientes para un home como Pepe, apaixonado, traballador, amigo dos seus amigos e, sobre todo, fervente devoto da súa familia. A súa muller, Nieves, as súas fillas, María e Mónica, o seu xenro e, moi especialmente, as súas netas, eran a súa auténtica debilidade.

Grazas, amigo. Grazas por cultivar a tradición panadeira de Carral. Grazas por sempre dicir as palabras axeitadas e, por suposto, por estar aí sempre, incansable, ao pé do canón.

Que a terra che sexa leve.