Falece Justa Señor, a ferreira de A Fonsagrada

Lorena G.C., Manuel F. LUGO / LA VOZ

OBITUARIOS

Justa Señor sempre lle gardou un cariño especial á forxa
Justa Señor sempre lle gardou un cariño especial á forxa Foto Manuel

Foi unha das poucas mulleres que traballou na forxa en todo o concello

14 nov 2020 . Actualizado a las 20:17 h.

Justa Señor foi unha adiantada ao seu tempo. Nada hai 94 anos no lugar de A Graña de Carballido, en A Fonsagrada, desempeñou durante moito tempo a profesión de ferreira. Fíxoo rachando estereotipos e desempeñando unha tarefa que daquelas pareceía reservada aos homes. Onte, venres, faleceu na Fonsagrada, o concello no que desfrutou da vida, e este sábado recibe sepultura en San Andrés de Logares.

Foi o pai de Justa Señor o que lle ensinou a profesión cando era moza. Era a maior de cinco irmáns e a única á que lle gustaba mazar o ferro. Na fragua, coma calquera home, traballaba con forza e coidado o material, dáballe forma e arranxaba os apeiros de labranza que lle encomendaban. Daquelas era unha tarefa importante, tendo en conta a dependencia que había do agro. «Sempre fun respectada», lembraba en vida.

Cando casou, Justa Señor tamén traballou no campo e no fogar, pero nunca chegou a desvincularse de todo da forxa, o oficio que lle deu sona en toda A Fonsagrada e que defendeu con uñas e dentes. Ela, coas súas saias no medio da fragua, foi unha pioneira silenciosa que deixou pegada e demostrou ás xeracións posteriores que non había oficios de homes e oficios de mulleres. Só persoas que os desempeñaran.