O adeus de Xulio Amigo enloita á cultura galega

La Voz VIGO / LA VOZ

OBITUARIOS

PEDRO MACEIRA

O director comercial de Editorial Galaxia e expresidente da asociación Culturgal era un membro destacado da comunidade das letras

24 feb 2020 . Actualizado a las 14:12 h.

O deceso de Xulio Amigo (Cangas do Morrazo, 1963) colleu de sorpresa á comunidade das letras e ao sector editorial galego. A ambos estaba moi vinculado como presidente da asociación de industrias culturais Culturgal, e como director comercial da editorial Galaxia. Amigo, que era licenciado en Psicología pola Universidade de Santiago de Compostela, foi responsable moitos anos da feira Culturgal que se celebra cada ano na cidade de Pontevedra. Os compañeiros da súa actual actividade laboral deixaron constancia da grande perda: «Moi difícil e duro para os que formamos parte da familia da Editorial Galaxia, pois amencimos coa triste nova do pasamento inesperado do noso compañeiro e director comercial, Xulio Amigo. Traballador incansable, Ilusionado e apaixonado polo traballo, deixa un oco no noso corazón imposible de encher. Dende a Editorial Galaxia, as súas compañeiras e compañeiros, así como os membros do Consello de Administración, queremos transmitirlle á súa familia, en especial ás súas dúas fillas, motor completo da súa vida, o noso abrazo máis cálido. Na nosa memoria quedarán as interminables xornadas de traballo con Xulio, sempre cun sorriso, así como a súa fecunda imaxinación creativa que nos sorprendía todos os días. Xulio repetía sempre que Galaxia era unha prolongación do seu corpo. Así que hoxe sentímonos mutilados, sabedores de que a vida, tan inxusta tantas veces, nos arrincou para sempre un anaco de nós. Descansa en paz, compañeiro».

Nas redes sociais tamén volcaron a súa tristura escritoras como Ledicia Costas ou o ilustrador kiko da Silva, que lle adicou un fermoso debuxo. O Concello de Moaña, onde Amigo presentou hai uns días unhas rutas literarias polos escenarios da novela de Domingo Villar O último barco, expresou as súas condolencias pola perda.